sábado, 3 de marzo de 2018

VIAXE ATA O FIN DA TERRA!!!

Rematamos a semana viaxando ata o fin da Terra. Así foi o nome que puxeron os romanos (Finis Terrae) ao que agora coñecemos como Fisterra. Debido ao mal tempo, tivemos que cancelar parte das actividades previstas (visita á fervenza de O Ézaro e ao Castelo de San Carlos en Fisterra), pero podemos alegrarnos de que a chuvia e o vento permitíronnos facer unha paradiña nunha das paisaxes máis fermosas que existen aos pés do Océano Atlántico: o cabo Fisterra. Dende alí puidemos contemplar, pese ao vento que facía, o monte Pindo, a praia de Carnota, as illas Lobeira, a rocha do Centolo... Tamén a montaña do tramo final do Camiño de Santiago a Fisterra. E o faro! Construído no ano 1853, ten 17 metros de altura e a súa luz pode verse a 65 quilómetros! Debido á néboa do inverno, no ano 1888 decidiuse engadirlle unha serea, que se coñece popularmete como "a vaca de Fisterra". Podes escoitala premendo AQUÍ.

Despois de facer algunhas fotos, marchamos para Cee, onde asistimos a un concerto moi divertido do grupo de percusión Odaiko, con quenes tamén nos retratamos despois da función.

Ao rematar, regresamos ao cole, onde nos esperaba un xantar quentiño que nos sentou de marabilla!!!
Para ver o resto das fotos de Fisterra preme AQUÍ, e as do concerto de Odaiko AQUÍ.


Ningún comentario:

Publicar un comentario