Este mércores cumpriuse un dos maiores desexos de moitas nenas e nenos do cole: VIAXAR EN TREN!!! A verdade é que foi un momento espectacular, cheo de emoción; unha auténtica FESTA!!!
Pero antes de subir ao tren, estivemos na cidade compostelá aproveitando algunhas das moitas ofertas culturais coas que a capital galega adoita satisfacernos.
O grupo de Infantil visitou o CGAC, onde descubriron obras feitas de distintos materiais: metal, pintura, auga, madeira, parafusos e mesmo fondant e nubes de azucre. Coa axuda de Natalia metéronse dentro dos cadros e imaxinaron o estado de ánimo do artista cando creou as obras. Tamén fixeron un obradoiro no que, como artistas que son, completaron algunhas fotos de diferentes sitios do mundo.
Despois visitaron o Museo do Pobo Galego, onde coñeceron algunhas cousas relacionadas cos barcos, a pesca, a música tradicional, os cestos... E tamén viron e andiveron pola súa escaleira helicoidal. Toda unha experiencia!!!
Os grupos de Primaria chegaron directos á Sede Afundación, para ver a mostra "A arte no cómic", que recolle reinterpretacións dalgunhas obras da
historia da arte a través de diferentes artistas adicados ao cómic. Coa axuda de Vanesa, observamos obras da colección dos Museos do Louvre (París), do Prado e do Thyssen-Bornemisza (Madrid), deténdonos sobre todo en obras de Dalí e na Gioconda. Pero tamén puidemos ver a historieta "Pikiblinder", encargada a Jacobo Fernández por Afundación para esta mostra. E é que tamén na novena arte os autores galegos están presentes: Brais Rodríguez, Miguelanxo Prado, Alfonso Barreiro, etc. Todos estes autores de bandas deseñadas utilizaron os seus recursos para amosarnos o mundo da pintura dun modo distinto ao habitual. E así, no medio das historietas van aparecendo obras de Maruja Mallo, Castelao, Paco Leiro, Laxeiro, Urbano Lugrís ou Julia Minguillón, entre moitos/as outros/as.
Tamén crearon o seu propio "Pikiblinder", que expoñeremos no cole en canto rematen!!!
Despois foron directos para o Teatro Principal, onde asistiron á representación teatral "O conto de Azuzaina". Azuzaina é unha imprenta na que os seus operarios reciben un encargo urxente: o libro das familias. A través de divertidas estratexias, nas que integran música, malabares, imaxes, etc., completan o traballo a tempo e amósannos diferentes tipos de familia cunha mensaxe de respecto e tolerancia hacia todos eles.
Pero, sen dúbida, o momentazo do día foi a chegada á estación de tren!!! Unha vez observaron o vestíbulo (taquillas, indicadores de horarios, reloxos, etc.), situáronse na plataforma indicada para subir no tren que fai o percorrido A Coruña-Vigo. Santiago é unha das súas paradas, e foi aquí onde ocuparon un par de vagóns para montar todos os rapaciños e rapaciñas, ademais dos mestres que os acompañaron. Tiñades que ver a que montaron na estación!!! As caras de alegría e a ilusión eran tales que contaxiaron a todos os viaxeiros que alí se atopaban, pero tamén aos operarios de Renfe, que incluso axudaron a subir aos máis pequeniños ao vagón. E nervios... Había tamén moitos nervios!!! E non era para menos, xa que ademais de ir en tren, fixeron algo moi especial e que poucos medios de transporte nolo permiten, debido sobre todo ao reducido espazo. Pero o tren é máis amplo e concedeulles un desexo que tiñan o grupo de ukeleles e guitarras que ensaia co profe Óscar: TOCAR E CANTAR NO TREN!!! Que canción? Pois claro!!! "O tren" de Andrés do Barro, un exitazo do ano 1969 que esta mañá soou nun traxecto que, aínda que non vai pola beira do Miño, si os levou ao seu destino: Padrón!!! A viaxe fíxoselles curta, pero desfrutárona MOITÍSIMO!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario