O luns 26 de febreiro os nenos e nenas de 1º e 2º viaxaron á Picota para coñecer en profundidade o bolo do pote, un prato característico da nosa bisbarra.
"O bolo miúdo", como se chamou a iniciativa, foi organizada polo Taller de Emprego "Proturismo 2017" coa colaboración imprescindible da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos.
Nada máis chegar, os nenos e nenas do Víctor Sáenz e de Pino de Val foron recibidos como auténticos reis, con cadansúa coroa! Despois, os estudantes do módulo de Promoción turística do Taller de Emprego encargáronse, con bailes, teatro e xogos, de dar a coñecer os ingredientes e a elaboración deste prato tan antroideiro.
Despois chegou a parte práctica, coa axuda de A. García, E. Muíño e L. Prado, as cociñeiras da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos, que son as encargadas de cociñar cada ano -e xan van 20!- na "Festa do Bolo do Pote" de Mazaricos. E, por suposto, a degustación, porque aínda que a elaboración do bolo do pote é unha tradición que forma parte do patrimonio inmaterial da nosa bisbarra, o resultado é ben material. E ben bo que está!
Como engadido, tiveron a visita da TVG, o que lles permitiu coñecer un pouco como se fai un programa de televisión. Ademais de saír guapísimos/as na pantalla, claro está!!!
Premendo AQUÍ podedes ver o vídeo que realizou o Concello de Mazaricos sobre esta actividade.
Se premedes AQUÍ podedes ver as imaxes desa gastronómica xornada.
Tamén a TVG recolleu a noticia no programa "Galicia Viva" retransmitido o 1 de marzo ás 7 da tarde. Premede AQUÍ para velo; a partir do minuto 39, ata o 44, podedes ver aos rapaciños e rapaciñas do noso cole!!!
E no programa "Momentos G", o día 2 de marzo fixeron unha reportaxe sobre a "XX Festa do Bolo do Pote" de Mazaricos, que tamén podedes ver premendo AQUÍ.
Ningún comentario:
Publicar un comentario