xoves, 29 de outubro de 2015

SAMAÍN 2015, COMEZANDO AS "OLERPÍADAS"

Aínda que a celebración non é a primeira vez que se realiza, nesta ocasión houbo algunhas cousiñas diferentes para festexar o Samaín. 
A primeira delas foi a visita ao cole dunha parente da Rosiña cando estabamos a punto de entregar os premios dos concursos. Nada máis e nada menos que PEPA PIG, que ao escoitarnos cantando, achegouse a ver que pasaba e xa quedou con nós para entregar os agasallos aos premiados.
Durante esta semana puidemos comprobar que a vosa creatividade non ten límite, e que coa axuda de todos os membros da familia elaborastes unhas cabazas moi especiais -logrando incluso que se adecuaran ao proxecto olímpico que queremos desenvolver este curso-, así que queremos agradecer a vosa participación neste primeiro concurso do ano. Claro que nos resultou complicadísimo, porque había verdadeiras obras de arte. O "podio olímpico" compartírono:
MARTINA PEREIRA TUÑAS, de Educación Infantil (5 anos);
JORGE OTERO PITA, do 2º curso de Ed. Primaria;
ÁLEX ÍNSUA MOLDES, do 6º curso de Ed. Primaria.

Pero seguro que queredes velas todas, así que aquí as tedes:

Tamén os relatos foron moi especiais, e nas historias de terror aparecían todo tipo de personaxes. Mesmo seres fantásticos ou persoas coas que coñecemos moi ben e se convertiron nas protagonistas destes relatos terroríficos. Como non nos deu tempo a lelos, xa que Pepa acaparou toda a atención, déixovos aquí os que recibiron a medalla de ouro nesta ocasión:
A AULA DE EDUCACIÓN INFANTIL, polo seu relato "A bruxa e a galiña".


JORGE LEMA ZAMORA, de 2º, coa súa historia "As Olimpíadas zombies".


PAULA MANEIRO BERGANTIÑOS, de 3º, escribiu "A cabaza que sempre ía aos Xogos Olímpicos".


MARIO ANTELO CAMBEIRO gañou o premio en 6º pola historia "A gran aventura polas Illas Canarias".
O premio especial foi, nesta ocasión, para ÁLEX OTERO MOLEDO, de 5º curso, quen escribiu "Marcos e o lobishome".

O momento da canción e da recollida de premios coa nosa invitada especial:

Tamén elaboramos petiscos terroríficos para degustar no recreo. E para moitos foi a primeira vez que probou crema de cacahuete, galletas "mariñeiras" ou ovos de paspallás. Claro que non parecían tales cousas!!!
A outra novidade tivo lugar pola tarde. Visitáronnos TÍTERES CACHIRULO cun espectáculo adicado integramente a historias de medo. E así o pasamos:

E para que sigades creando historias tan sorprendentes, tamén elaboramos esta guía de lectura para que vos inspiredes a calquera idade!!!

sábado, 24 de outubro de 2015

O NOSO DÍA DA BIBLIOTECA

E nós quixemos celebralo tamén, a pesar de que cadraba en sábado. Así que aproveitamos o fermoso venres 23 para xuntarnos no patio do cole e compartir a "Hora de Ler" dun xeito especial. Ademais de ler o pregón, tamén creamos un pequeno poema que incluía o nome de deportes ou xogos ben coñecidos por todos. Pero había que adiviñar de cal se trataba atendendo á súa rima. Todas as mestras e mestres do cole participamos nesta actividade lendo para vós, que destes coa solución de todas as estrofas, ás que incluso puxemos música! Fantástico!!!

venres, 23 de outubro de 2015

DÍA DA BIBLIOTECA

As bibliotecas tamén están de festa. Non van celebrar o Samaín, nin o Halloween... Non, van celebrar o seu día, o DÍA DA BIBLIOTECA!!!
Esta celebración realízase por iniciativa da Asociación Española de Amigos do libro Infantil e Xuvenil, dende o ano 1997, co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento á labor das persoas bibliotecarias.
Cada ano celébrase nunha Biblioteca Pública diferente; este ano, a elixida foi a de Cidade Real, en Castela-A Mancha. 
Ademais, encárgase a un/unha escritor/a a redacción do pregón, e a un/unha ilustrador/a o deseño do cartel. Nesta ocasión, o autor seleccionado é Diego Arboleda (Premio Nacional de Literatura Infantil 2014) e a ilustradora Leticia Fernández.
Aquí podedes ler e ver o que prepararon para celebrar este día especial.
NORABOA A TODAS AS PERSOAS QUE FAN POSIBLE QUE AS BIBLIOTECAS SEXAN UNS DOS NOSOS ESPAZOS MÁIS QUERIDOS, POR MOITÍSIMAS RAZÓNS!!!

xoves, 22 de outubro de 2015

SAMAÍN 2015

Tedes ganas de facerme traballar, eh? Nada máis comezar o outono e xa comezades a activarvos por completo. Que alegría me dá que me fagades traballar tanto!!! Non sei vós, pero o meu buzón é o meu pasatempos, así que cada vez que o abro e atopo algún papeliño, algunha carta, algún debuxo... Non vos imaxinades o contenta que me poño. 
Esta semana, para celebrar o próximo día 29 o Samaín, deixeivos a convocatoria para o VI Concurso de Relatos de Medo, e esta mañá xa vos vin moi concentrados escribindo as vosas historias. Tanto foi así que non me atrevín a interrumpirvos!!!
Pero por se queda algún rezagado/a que non sabe moi ben de que vai isto, aquí quedan as bases para que se anime a participar:


Ademais, tamén convocamos o Concurso de Cabazas, así que xa vos vexo esta fin de semana percorrendo as leiras de toda a veciñanza para conseguir unha cabaza que se axeite á composición que tedes pensada. Eu xa estou imaxinando... Pero non quero dicir nada para non dar ideas. Esperamos a que vaian chegando o luns e veremos con que nos sorprendedes!!! Se queredes volver ler o díptico, que ademais inclúe algunha información para saber máis sobre esta celebración tan antiga, aquí queda á vosa disposición:

MOITO ÁNIMO!!! A vindeira semana ímolo PASAR DE MEDO!!!

mércores, 30 de setembro de 2015

O TEMA DOS PROXECTOS PARA ESTE CURSO

Pois por fin chegou Rosiña!!! Tardou pero veu cos deberes feitos: deixounos unha cartiña na que xa propón o tema sobre o cal xirarán todas as actividades posibles ao longo do curso. E cal é? Pois para todas aquelas persoas que non puideron ler a súa misiva adiantámoslles que a nosa porquiña preferida elixiu os XOGOS OLÍMPICOS!!! Será que quere viaxar a Brasil o próximo verán? Ou é idea dalgunha das persoas que se cartean con ela no seu buzón? Fora como fora, o caso é que xa está decidido. Como diría unha tartaruga que todos/as vós coñecedes, "a miña decisión está tomada"! 
E xa sabedes que neste primeiro comunicado Rosiña retouvos: adiviñastes de onde vén iso de "MARATÓN"? Por que se lle chama así a esa carreira tan longa? Non esperedes para sorprendela e comezade a deixar as vosas conclusións no seu buzón!!!


venres, 18 de setembro de 2015

ÁNGEL CARRACEDO RECIBE O PREMIO NACIONAL DE XENÉTICA

O noso querido Ángel Carracedo recibe hoxe o Premio Nacional de Xenética na cidade de Córdoba. O galardón, concedido pola Sociedade Española de Xenética recoñece a súa labor pioneira no desarrollo de novas tecnoloxías para a identificación forense baseadas na xenética molecular.
Ángel valorou o traballo do equipo de Medicina Xenómica que dirixe e a eles e á súa familia foi a quen lles adicou este premio: "Somos un grupo, porque unha persoa individual non é nada". 
Nós tamén nos sumamos a este recoñecemento e alegrámonos moito de que a súa gran labor sexa ben recoñecida. 
PARABÉNS, ÁNGEL!!!

domingo, 13 de setembro de 2015

COMEZAMOS UN NOVO CURSO!!!!

Ola, rapaciños e rapaciñas!!! Como estades? Como foron as vacacións??? Seguro que xa tiñades ganas de voltar ao cole e contar todo o que fixestes durante estes meses aos vosos compañeiros, aos mestres, ... 
A min xa me contaron algunhas novedades: que temos unha compañeira nova en 3º, e outro en 2º. Que ben!!! Espero que lles derades unha boa benvida e que lles vaiades contando como funciona o noso cole! Teño moitas ganas de coñecelos, como tamén ás meniñas e meniños que comezan en Infantil!!! Xa sei os nomes de todos, e dentro duns días xa os coñecerei en persoa!!! Teño moitísimas ganas!!! 
Mentras tanto, envíovos esta curta que vin hai poucos días e que me encantou. Ten moito que ver co cine, por suposto, pero tamén cos sentimentos, coa natureza... Desfrutádeo, e ídevos preparando para comezar un novo proxecto este curso!!! Unha aperta enorme,
Rosiña.

martes, 30 de xuño de 2015

FESTIVAL DE FIN DE CURSO

Aquí tedes as fotos do festival de fin de curso. Este ano foi moi emotivo!!! Non quero poñerme triste aquí, pero o certo é que despedirse de persoas que se implican, aportan, participan..., sempre dá pena. Tamén eu, Rosiña, quero desexarlles o mellor neses novos camiños que inician en setembro.
Para o curso que vén seremos menos, pero viremos cargados de enerxía e con moitas ganas de continuar ensinando e aprendendo!!!
Agora, a desfrutar do verán!!! Apertas para todos e todas!!!





mércores, 17 de xuño de 2015

ALEJANDRO, O NOSO DIRECTOR DE CINE MÁIS ESPECIAL

Alejandro é un rapaciño de 2º que nos fixo un dos agasallos máis emotivos deste curso: nada máis e nada menos que unha película!!! Xunto coa mestra Cris, nas clases de Audición e Linguaxe prepararon unha das historias que máis lle gustan a Alejandro: "Os tres porquiños". Xuntando imaxes sobre este conto por todos/as coñecido, Alejandro vai narrando os sucesos dos seus protagonistas. E como non podía ser doutro xeito, houbo unha presentación oficial desta creación na aula de 1º e 2º, onde todas as persoas asistentes nos emocionamos con este impresionante traballo!!! E para aquelas que non puidestes asistir, aquí tedes o vídeo do noso director de cine máis noviño. NORABOA A ALEJANDRO E A MESTRA CRIS!!!!

luns, 15 de xuño de 2015

PROXECTOS DOCUMENTAIS SOBRE O CINE

POIS AQUÍ ESTÁN!!! Despois dun curso adicado ao cine, no que aprendemos un montón de cousas ata agora descoñecidas por todos nós, chegou o momento de ver unha parte do noso traballo: son os nosos proxectos documentais. Cada curso decidiu adentrarse nun dos moitísimos camiños que o cine ofrece, e a partir de aí, investigou con maior profundidade o tema elixido. E así foron nacendo todos estes traballiños, nos que vós, meniños e meniñas do cole, fostes os principais creadores!!! 
Como xa sabemos que levades tempo querendo velos, e posiblemente non tivestes ocasión de desfrutar da súa lectura debido aos preparativos do final de curso, aquí poderedes comezar a ler as interesantes investigacións de todos os grupos. Comezamos?
En Educación Infantil non houbo quen lles fixese cambiar de idea, e Walt Disney foi o centro do traballo deste curso na aula de 3, 4 e 5 anos. 

En 1º e 2º invitaron á súa aula a un dos actores máis importantes do cine mudo: Charles Chaplin. E durante todo o curso, Charles Chaplin formou parte do grupo, xa que a súa figura estaba presente en gran parte das actividades da aula.

En non tiñan outra ilusión que converterse en superheroes e superheroínas. Foi por iso que elixiron a unha rapaciña que, a pesar de non ter poderes coma os personaxes que asociamos aos superheroes e superheroínas, pode ser unha auténtica heroína: Pipi Calzaslargas.

E como aprenderon moitas palabras novas que teñen que ver co mundo cinematográfico, quixeron non esquecelas e contar o seu significado coas súas propias palabras; así foi como compuxeron este pequeno Dicionario Cinematográfico

En dubidaron durante un tempo, e finalmente aventuráronse con Mr. Fogg en A volta ao mundo en 80 días. A través desta novela, en 4º crearon un proxecto no que contan o que aprenderon a través da lectura desta obra de Julio Verne.

En animáronse co tema da caracterización, e ademais de aprender conceptos teóricos, tamén puxeron en práctica o  que ían aprendendo (no Entroido iban espectaculares!) Seguro que queredes saber moito máis sobre a caracterización! Pois adiante o proxecto de 5º.

En titularon o seu novedoso proxecto documental "Investigando sobre o cine". E dicimos novedoso porque este proxecto non está impreso, senón online. Así que se queredes velo tedes que premer sobre a seguinte imaxe:



Pero non quedaban satisfeitos se non deixaban algo elaborado que puidera ser manipulado, así que se animaron a facer un xogo moi entretido para recoñecer os actores e actrices do cine clásico. Que difícil!!!

 Tamén nos chegou, dende a aula de Inglés, o Cinema Project, elaborado polos diferentes grupos, que participaron entusiasmados nalgúns dos seus apartados:

E na aula da profe María xurdiu unha aportación novedosa: crearon varios xogos baseándose nas imaxes de diferentes películas ou no vocabulario propio da industria do cine. E así quedou esta caixiña titulada Enigmas de cine, chea de sopas de letras, de debuxos para atopar as diferenzas, de encrucillados e de xeroglíficos que te farán pensar durante un bo anaco: