venres, 15 de abril de 2016

CONCERTO E EXPOSICIÓN "IX PREMIO AUDITORIO DE GALICIA 2015"

Pois si que foi completamente artístico este venres. Por un lado, asistimos ao concerto didáctico que ofreceu a Banda Municipal de Santiago de Compostela no Auditorio de Galicia. O programa, baixo o título "Bandanza", incluía pezas que soan nos bailes de salón, algunhas das cales recoñecemos rapidamente!!! Pero tamén chamou moito a nosa atención o baile en directo de dúas persoas profesionais: Lucía Vázquez e Cristian García. Se premedes aquí podedes escoitar algunhas das pezas interpretadas esta mañá, ao tempo que desfrutades das fotografías que fixemos na Sala Ángel Brage do Auditorio:


Pero tamén tivemos tempo para visitar a Exposición "IX Premio Auditorio de Galicia 2015", composta por 40 obras que convidan a pensar sobre o papel das e dos artistas na actualidade. Fotografía, pintura, escultura, debuxo, instalacións, vídeo-instalacións, etc., captaron a nosa atención ao tempo que Loli (a guía que nos acompañou) nos ía contando de que trataba cada unha delas. Chamáronnos moito a atención, sobre todo a escultura feita con xoguetes que representaba a violencia a través do xogo de sombras, o cadro que tiña parte debuxada nas paredes, un espello convertido en obra de arte, unha fotografía ao lado da cal se podía ler a conversa mantida entre o fotógrafo e o retratado, ou o vídeo-montaxe na que aparecían tres mulleres musulmás falando da súa situación no noso país. Esta última, que invita a reflexionar sobre o racismo, foi a gañadora do 1º premio.
E todas estas obras nos inspiraron para crear nós mesmos, en pequenos grupos, a nosa obra de arte. E todas esas creacións están expostas no corredor do colexio, porque tamén no C.E.I.P. Víctor Sáenz hai auténticos artistas!!!

mércores, 6 de abril de 2016

OS XOGOS OLÍMPICOS ESTÁN DE CUMPREANOS

Pois si!!! Hoxe cumpren 120 anos os Xogos Olímpicos Modernos!!! E neste curso, que no cole está adicado a esta temática, queremos tamén celebralo. Celebráronse en Atenas (Grecia), no ano 1896, entre o 6 e o 15 de abril. Participaron 241 atletas procedentes de 14 países, que competiron en 9 deportes: atletismo, ciclismo, esgrima, ximnasia, halterofilia, loita, natación, tenis e tiro. Mais foron uns Xogos que non tiveron para nada en conta ás mulleres deportistas, xa que todos os atletas eran masculinos. 
Spiridon1.gifCelebráronse no Estadio Panathinaikó, o primeiro gran estadio do mundo moderno. O grego Spiridon Louis "Spyros" (na fotografía) conseguiu a victoria na maratón, correndo os 40 km. en 2 horas, 58 minutos e 50 segundos. Tiña 23 anos. Despois dos Xogos, "Spyros" retirouse ao seu pobo natal para traballar como granxeiro e despois como policía. 
Pero o competidor que máis medallas gañou foi o alemán Carl Schuhmann, que conseguiu catro medallas de ouro (en ximnasia e loita grecorromana).
Desde entón, cada catro anos, deportistas de todos os países reúnense para celebrar esta competición mundial. Só se suspenderon durante as guerras mundiais do século XX. E, no ano 2004, Grecia organizou por segunda vez os Xogos Olímpicos.

120.º aniversario de los primeros Juegos Olímpicos modernos

martes, 5 de abril de 2016

OBRADOIRO DE DANZAS HÚNGARAS

Hoxe foi un día especial no cole, xa que celebramos un obradoiro de danzas húngaras. Para iso contamos coa presenza de tres marabillosos músicos que tocaron para nós en directo, ao tempo que nos iban amosando os pasos das diferentes pezas. Vera é de Hungría, pero fala moi ben o galego e entendémoslle todo o que nos contou sobre o seu país. Foi a encargada de bailar con nós os diferentes bailes. Serxio tamén sabe moitas cousas de Hungría, e axudounos a aprender os pasos, ademais de tocar para nós un instrumento similar ao laúde. Xesús era o músico encargado de tocar as frautas, unha das cales se podía facer soar soprando e tamén murmurando!!!! E tamén viña unha acompañante pequechiña con eles, de tan só ano e medio, chamada Noa, que nos encantou a todas as persoas que compartimos esta mañá tan especial no noso cole. Moitísimas grazas aos catro!!!! Bueno, xa podemos dicilo en húngaro: KÖSZÖNÖM!!!

venres, 1 de abril de 2016

VISITA AO DOLMEN DE DOMBATE

Esta mañá viaxamos a un lugar moi preto xeograficamente -Cabana de Bergantiños-, mais moi lonxano no tempo: á Prehistoria. Visitamos o DOLMEN DE DOMBATE, considerado o monumento megalítico máis importante de Galicia. Realmente, o túmulo ou mámoa contén dous dolmens, aínda que o máis coñecido e de maior tamaño é o denominado Dombate "recente". Este foi construído arredor do ano 3700 a. C. e clausurouse como lugar de enterramento cara ao 2700 a. C. O Dombate "antigo" data de finais do V milenio e deixou de utilizarse co levantamento do novo dolmen. A mámoa que alberga os dous dolmens mide 24 metros de diámetro e 1,8 de altura, e está a uns 197 metros sobre o nivel do mar.
A visita completouse co visionado dun documental sobre os dolmens da Costa da Morte e un vídeo sobre a época coñecida como "Megalitismo".
A segunda parte da excursión consistiu nun obradoiro. Os grupos de Infantil, 1º e 2º de Primaria participamos en "As cores de Dombate: pinturas máxicas". Tamén nesta época tan lonxana a pintura era moi importante, para expresarse, para decorar os espazos, etc. Pero a maneira que tiñan de obter os pigmentos cambiou moito co paso dos anos. Centrándonos nesta arte, recreamos unha pintura Neolítica que agora forma parte da decoración do noso cole.
Os grupos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria realizamos un obradoiro no que descubrimos o proceso de transformación do barro desde que se recolle ata que se transforma nunha cerámica, converténdonos en oleiros moi creativos!

Deixámosvos tamén aquí algúns enlaces que poden resultar do voso interese:
-O home Neolítico, debuxos animados da serie "Érase una vez el hombre":


-Outro capítulo da mesma serie sobre os vales fértiles:


-O seguinte vídeo é sobre un documental adicado a esta antiga construción, centrándose en Antequera, na provincia de Málaga. Para velo preme aquí.
-Tamén podes ler máis información sobre o Dolmen de Dombate premendo aquí.

E a continuación podes ver as fotos desta histórica mañá:

luns, 28 de marzo de 2016

ENTRE LOBOS

Pois entre lobos estivemos o venres, 18 de marzo, durante toda a mañá. O Concello de Santa Comba organizou unhas "Xornadas Nacionais do Lobo", desenvolvendo diferentes actividades durante os días 18 e 19. Entre elas, a proxección da película "Entre lobos", baseada na vida de MARCOS RODRÍGUEZ PANTOJA, criado durante doce anos por unha manda de lobos, sen apenas contacto coa humanidade. O Concello convidounos a asistir á mesma, e decidimos que era unha boa idea ver esta película-documental, que contaba ademais coa presencia do propio Marcos, quen tivo ocasión de falar con nós, responder a algunhas das preguntas que lle fixemos as persoas asistentes (había varios centros educativos ademais do noso) e mesmo firmarnos dun xeito moi orixinal as entradas que nos entregaron no Edificio Multiusos de Santa Comba. Foi toda unha experiencia! Aquí podedes ver as fotos desa mañá, e se queredes coñecer máis sobre a vida do protagonista, premede sobre o seu nome ou sobre este enlace.

venres, 18 de marzo de 2016

VISITAMOS UN MUSEO DE ARTE CONTEMPORÁNEA

Esta semana fomos de viaxe. Cantas ganiñas tiñamos!!! Nesta ocasión, o noso destino foi A Coruña, onde visitamos o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa, que se atopa á entrada da cidade. Pasamos alí case todo o día e aínda botariamos máis tempo, porque o pasamos moi ben e aprendemos un montón de cousas!!! Non fomos todo o cole, pero case: todas as persoas que quixeron e puideron desde os 5 anos ata 6º de Primaria, xunto coas nosas mestras e mestres, vivimos unha fermosa experiencia nun lugar que mereceu moito a pena.
Fixemos dous grupos: un desde 5 anos ata 3º de Primaria e outro desde 4º a 6º. O primeiro visitamos a exposición "Os rostros do naufraxio", baseada nos retratos. A través dalgunhas das obras da exposición, puidemos observar diferentes técnicas de captura e reprodución de imaxes en movemento. Tamén vimos un vídeo no que saía FÉLIX FERNÁNDEZ!!! Si, o mesmiño que nos visitou no cole no primeiro trimestre!!! Non puido estar con nós no Museo porque é un artista tan solicitado que non para, e nós contentísimas/os de que lle vaia tan ben! 
Pola tarde, despois de comer a comida tan rica que nos prepararan nas nosas casiñas, fixemos un obradoiro case máxico. Consistía en construír o dedo da nosa guía coma se fora real!!! E conseguímolo!!!
O grupo de 4º a 6º visitamos a exposición "Narrativas monumentales", fixándonos sobre todo en tres esculturas creadas con materiais ben pesados: o aceiro, a madeira e o granito. Sorprendéronnos moito e descubrimos tamén algúns trucos para que esas obras se mantiveran en equilibrio de xeitos ben diferentes aos que estamos acostumados a observar nos edificios que nos rodean. 
Pola tarde tamén visitamos a exposición baseada na figura humana "Os rostros do naufraxio", e rematamos cun obradoiro moi entretido: por equipos, tiñamos que continuar unha historia que comezaba igual para todos os grupos. Despois de redactala, había que decidir que papel iba realizar cada unha das persoas do equipo, aportando todas elas unha parte do seu corpo: unha persoa que xesticulase (rostro), outra que se movese (corpo) e unha máis que falase (voz). Todo para realizar un truco escénico que nos encantou: mentras o locutor narraba a historia, unha cámara gravaba os primeiros planos do rostro doutra das persoas do grupo, e a gravación víase nunha pantalla que se encaixaba na cabeza doutra das persoas. 
Pero, coma en moitas outras ocasións, a través das fotografías podemos ver moito do que nos aportou esta visita, que non foi pouco. Encantadísimas/os todas/os nós coas persoas que nos recibiron no MAC para ensinarnos tantas e tan interesantes cousas. Moitísimas grazas a todas!!!

martes, 8 de marzo de 2016

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA

Manuel María, o escritor ao que se lle adicará o vindeiro 17 de maio o Día das Letras Galegas, publicou no ano 1970 un libro chamado "Remol". Entre as súas páxinas podemos atopar un poema ben fermoso adicado ás mulleres galegas que non aparecen nas enciclopedias, nos libros, nos informativos, etc. E, cando aparecen, adoita ser por motivos que nos fan sentir pouco orgullosos e orgullosas da sociedade na que vivimos. Con este poema, Manuel María rende homenaxe a esas mulleres que temos preto, que vemos día tras día, que traballan arreo para sacarnos adiante, para manter a familia unida, para escoitarnos, para abrazarnos, para querernos... As compañeiras, as amigas, as veciñas, as irmás, as tías, as avoas, as nais... Ben se merecen esta e outras moitas maneiras de homenaxe, non credes? Pois a partir de hoxe, non vos paredes e, da maneira na que prefirades, escribídelle á muller que vós queirades uns versos, unha carta, unha postal... Agradecédello todos os días, pero se queredes aproveitar esta celebración, facede algo especial para entregarllo en persoa!!! 

Aquí podedes ler o poema do escritor da Terra Chá MANUEL MARÍA:

As mulleres galegas -labregas,
mariñeiras, artesás, obreiras,
pasado, pobo, presente,
alma e futuro de Galicia-
non foron cantadas
polos poetas cultos e premiados,
pechados nas súas torres de almasí:
eles, tan sensibles, non podían
adicarlles rondós e madrigales,
sonetos perfetísimos
a donas que falan en galego,
que son a forza do pobo,
porque non teñen xeitos requintados,
deprendidos en colexos elegantes,
nin vestidos fermosos,
nin frases retorneadas
-nunca foron á escola,
nin alternaron tampouco en sociedade-
i as súas maus non se semellan
ás azas dos paxaros,
nin teñen soavidades de veludo:
están encallecidas polo traballo,
son duras como as pedras,
só tenras pro garimo, 
con soavidades de mel
pra perdoar e comprender,
pra sementar tenrura e máis amor,
pra arrincar odios.

Tamén o mundo do deporte e o olimpíaco tivo marxinada á muller durante moitísimos anos, e mesmo na actualidade atopamos moitas disciplinas nas que apenas participa. Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, a páxina MARCA BUZZ publicou un artigo homenaxeando a 10 das mulleres máis importantes do deporte hoxe en día. Queres saber cales son? Preme enriba das letras vermellas e accederás ao documento.
Mentras tanto, no cole elaboramos unhas bandeiras olímpicas moi especiais, nas que cada grupo se centrou en cinco mulleres deportistas, especiais por moitas razóns que vos amosamos nas seguintes imaxes:

mércores, 24 de febreiro de 2016

DÍA DE ROSALÍA

Esta mañá festexamos o DÍA DE ROSALÍA, desenvolvendo unha das propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), colectivo que vén demandando dende hai varios anos incluír esta data nas celebracións dos centros escolares.
Dende o CEIP Víctor Sáenz sentimos que é esta unha data a ter moi en conta no calendario escolar, pois foi ROSALÍA a primeira en dar o paso na defensa da lingua galega coa súa obra "Cantares Gallegos". 
E nós, orgullosos do noso idioma, da nosa cultura, dos nosos artistas, participamos na elaboración dunha postal moi especial, deseñada pola a AELG para este 24 de febreiro de 2016. Por unha parte, aprendemos un poema moi fermoso de Rosalía, que ilustramos libremente cada unha/un de nós. E, pola outra, escribimos a nosa dirección, colocámoslle un selo rosaliano e engadimos algunha ilustración máis relacionada con Rosalía, cos libros ou coas flores, xa que o lema incluído na postal é "Agasalla un libro en galego e unha flor". E quedaron verdadeiramente fermosas!!! Queredes velas?

xoves, 11 de febreiro de 2016

DESPEDIDA DO ENTROIDO

Nada máis regresamos das vacacións do Entroido, aproveitamos a primeira (e case única) raiola de sol para queimar o Meco. Con esta actividade remata esta festa tan arraigada na nosa cultura. Aquí vos deixamos as fotos desta mañá:

sábado, 6 de febreiro de 2016

ENTROIDO 2016

Este ano case non nos deu tempo a repousar entre as festas do Nadal e as do Entroido! Seica ten algo de culpa nisto a lúa chea... O caso é que alá vai tamén o noso Entroido, centrado este ano nas Olimpíadas. Durante toda a semana o Meco foi deixando os seus mandadiños, moi deportivos nesta ocasión.


E o venres chegou o momento de lucir as nosas prendas máis deportivas!!! 
Quedou moi xeitoso e colorido: en Infantil convertéronse en campos de fútbol; en 1º e 2º elixiron un dos símbolos máis representativos das Olimpíadas: a antorcha, e verdadeiramente parecían estar prendidas!!!; 3º e 4º fixeron unha viaxe por todo o mundo converténdose nas nosas abandeiradas e no noso abandeirado máis especiais; 5º e 6º invitaron para a un bo grupo de deportistas de diferentes disciplinas que non dubidaron en sumarse ao Entroido do noso cole. E os mestres e mestras? Pois tamén foi variado: o mellor entrenador persoal do mundo, un xogador de baloncesto que mete triples sen querer, e un feixiño de mascotas olímpicas que encheron de cores e sorrisos o noso patio. E coma sempre, houbo nais que se animaron a acompañarnos vestidas para a ocasión, algo que nos alegra moito a todos e todas, porque o sentido do humor axuda a facer moito máis levadeiros os momentos menos alegres. E ademais, puidemos probar as primeiras filloas, orellas e rosquillas deste Entroido, ademais dalgún biscoito espectacular. Moitas grazas a todas as persoas que axudaron a facer posible a celebración dunha das festas máis tradicionais de Galicia. E o dito: a rirse todo o mundo e a desfrutar do Entroido!!!