luns, 16 de abril de 2012

CONTACONTOS CON PEPA MARTÍN

O xoves día 12 de abril, en horario de 11 a 12 da mañá, os nenos e nenas de ed. infantil e 1º ciclo de Primaria disfrutaron dunha sesión de Contacontos con PEPA MARTÍN por xentileza da EDITORIAL NIVOLA e a LIBRERÍA LER de Santa Comba.
A actividade tivo lugar na na nosa biblioteca e alí Pepa ensinou aos rapaces o ciclo da auga e tratou de conciencialos sobre a importancia da auga empregando como fío conductor o libro "La vuelta al mundo de gota de agua" da editorial Nivola, que os rapaces coñecían ben.
Aquí tedes as imáxenes:

PROGRAMA DE ACTIVIDADES CELEBRACIÓN DÍA DO LIBRO

A semana pasada  comezamos coas actividades organizadas entorno a celebración do DÍA DO LIBRO.

O programa de actividades é o seguinte:

Esperamos que o disfrutedes!!!

luns, 9 de abril de 2012

COÑECENDO A HANS CHRISTIAN ANDERSEN

Dende o C.E.I.P. Mestres Goldar de Vigo, chéganos este traballo sobre Hans Christian Andersen. Lembrade que é a data de nacemento deste autor, o 2 de abril, como podedes ver máis abaixo, a que conmemoramos na celebración do Día do Libro Infantil e Xuvenil.
Con esta actividade LIM, elaborada pola mestra e coordinadora da biblioteca do CEIP Mestres Goldar Julia González, podedes coñecer un pouquiño mellor a este autor tan importante para a Literatura Infantil e tamén traballar algúns dos seus famosísimos contos. 
Esperamos que a aproveitedes e a disfrutedes!!
Gracias a Julia por compartir este impresionante traballo!!

luns, 2 de abril de 2012

DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

   Hoxe celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. A celebración foi promovida polo IBBY (International Board on Books for Young People) e elixiu esta data por coincidir co aniversario do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen.
    A finalidade da festa é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre vós os máis xóvenes. Cada ano, un país membro do IBBY encárgase de editar o cartel anunciador e de difundir a mensaxe dirixida aos nenos. Este ano, o responsable é IBBY-México. O autor da mensaxe é o escritor Francisco Hinojosa e o ilustrador Juan Gedovius.
     Aquí vos deixamos a mensaxe de Francisco Hinojosa:

"Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro. Ese conto en realidade non era un só, senón moitos máis que comezaron a poboar o mundo coas súas historias de nenas desobedientes e lobos seductores, de zapatiños de cristal e príncipes namorados, de gatos inxeniosos e soldadiños de chumbo, de xigantes bonachóns e fábricas de chocolate. Poboárono de palabras, de intelixencia, de imaxes, de personaxes extraordinarios. Permitíronlle rir, asombrarse, convivir. Cargárono de significados. E dende aquela eses contos continuaron multiplicándose para dicirnos mil e unha veces “Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro…”
Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos estamos exercitando a imaxinación, coma se fose necesario adestrala para mantela en forma. Algún día, seguramente sen que o saibamos, unha desas historias acudirá ás nosas vidas para ofrecernos solucións creativas aos obstáculos que se nos presenten no camiño.
Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos en voz alta tamén estamos repetindo un ritual moi antigo que cumpriu un papel fundamental na historia da civilización: facer comunidade. Ao redor deses contos reuníronse as culturas, as épocas e as xeracións para dicirnos que somos un só os xaponeses, os alemáns e os mexicanos; aqueles que viviron no século XVII e nós que lemos un conto en Internet; os avós, os pais e os fillos. Os contos énchennos por igual aos seres humanos, a pesar das nosas enormes diferencias, porque todos somos, no fondo, os seus protagonistas.
Ao contrario dos organismos vivos, que nacen, se reproducen e morren, os contos, que xorden colmados de fertilidade, poden ser inmortais. En especial aqueles de tradición popular que se adecúan ás circunstancias, ao contexto do presente no que son contados ou reescritos. Trátase de contos que, ao reproducilos ou escoitalos, os converten nos seus coautores.
E había unha vez, tamén, un país cheo de mitos, contos e lendas que viaxaron polos séculos, de boca en boca, para exhibir a súa idea da creación, para narrar a súa historia, para ofrecer a súa riqueza cultural, para excitar a curiosidade e encher de sorrisos os beizos. Era tamén un país no que poucos dos seus poboadores tiñan acceso aos libros. Pero esa é unha historia que xa empezou a cambiar. Hoxe os contos están chegando cada vez máis a recunchos afastados do meu país, México. E ao atoparse cos seus lectores están cumprindo co seu papel de facer comunidade, facer familia e facer individuos con maior posibilidade de ser felices."

venres, 30 de marzo de 2012

Charla dunha mamá sobre o PAKICETUS

Os rapaces de Infantil estamos inmersos nun Proxecto de Investigación sobre os LOBOS. A mamá de Manú de 4 anos, Mayte Antelo, e bióloga e como estudosa dos animais sabe moitas cousas sobre os lobos. Hoxe venres 30 de marzo veu a cole a explicarnos como un lobo prehistórico o PAKICETUS, foi evolucionando ata dar lugar a actual BALEA.

xoves, 29 de marzo de 2012

VISITA AO XIII SALÓN DO LIBRO DE PONTEVEDRA.

    Desde o 4 ao 31 de marzo de 2012, ven desenvolvéndose en Pontevedra unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Levábamos un tempo desexando asistir ao Salón, e como o curso pasado non puidemos finalmente ir, este ano non o deixamos pasar
      O tema deste ano é 12 +1O Salón indaga nas supersticións, de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte, e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. 
        A presenza das supersticións é habitual tanto na tradición oral como na literatura contemporánea. Maniféstase de moitos xeitos. Cos números:12+1 (no canto de 13); con símbolos máxicos que funcionan coma amuletos: a figa, a pata de coello...; coas accións que nos dan poder ou nos apartan do mal: cruzar os dedos, pasar a man pola barriga dunha preñada, atopar un trébol de 4 follas, botar o sal por enriba das costas, fregar o chepón dun concorvado... coa presenza de seres sobrenaturais como a Santa Compaña; co máxico poder de lugares especiais coma os cruces de camiños ou os camposantos; con elementos que nos dan medo ou nolo quitan: allos, cruces de madeira... con apócemas máxicas: a queimada e o seu conxuro... e mesmo con animais tan cotiáns coma os gatos. Se son negros, mellor que mellor!
       O autor homenaxeado é Paco Martín, escritor e mestre nado en Lugo cunha grande traxectoria de publicacións e premios entre outros o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 1986 co libro Das cousas de Ramón Lamote. 
         Aquí están as imaxes da nosa visita.



      Tamén fixemos un Roteiro polo casco antigo de Pontevedra pois non é habitual para nós visitar esta cidade e queríamos coñecela un pouco mellor. Foi o propio Salón do Libro o que nos organizou esta visita á cidade e incluso nos puxo un guía que nos explicou con todo luxo de detalles os segredos das súas rúas.
Gustounos tanto que temos pensado volver ao Salón tamén o curso que ven e de paso visitar todos aqueles fermosos lugares que nos ofrece Pontevedra.

sábado, 24 de marzo de 2012

IMAXES DA CELEBRACIÓN DO DÍA DA ÁRBORE E DO DÍA DA POESÍA

Por fin, tedes aquí as imaxes da celebración do Día da Árbore e da Poesía no noso cole!!!
Primeiro, podes ver as fotos do día que fomos a plantar castiñeiros a Eirón invitados polo Concello e co asesoramento dos técnicos do Distrito Forestal V. Viches que "juapos" saimos montados no camión moto-bomba??





Tamén podes ver as imaxes da celebración deste día no noso cole. Plantamos uns castiñeiros no patio do cole e lemos algúns poemas sobre as árbores lembrades???




E por último, cada un de nós escribiu a súa RAZÓN PARA PLANTAR UNHA ÁRBORE. Mira aquí a ver si ves a túa....


A ÁRBORE FEITA POEMA

A biblioteca elaborou esta recompilación de poemas sobre ás arbores escritas por escritores galegos e acompañada de fermosas fotografías. Foi un agasallo da nosa mascota Rosiña a todos os nenos do cole para celebrar o Día da Árbore e o Día da Poesía celebrados o 21 de marzo.
Desexamos que vos guste e que lle saquedes moito proveito.

xoves, 22 de marzo de 2012

21 de marzo: DÍA DA ÁRBORE e DÍA DA POESÍA

 Onte saímos na Voz de Galicia!!!
 O martes fomos a plantar castiñeiros nunha finca municipal na parroquia de Eirón (onde está situado o Centro de Difusión Medioambiental e Interpretación do Dolmen de Perxubeira) , invitados polo Concello de Mazaricos.
Alí esperábanos os técnicos do Distrito Forestal V dirixidos por Sara Romero. Tamén se achegou o Alcalde de Mazaricos.
Plantamos unha chea de castiñeiros despois de que Xosé Manuel Couselo, axente forestal, nos ofreceu unha completa explicación das características dos castiñeiros que íamos plantar e dos coidados que precisan para que medren fortes e sans. Tamén nos explicou a importancia de plantar este típo de árbores pois impiden a propogación dos incendios.
Despois de moito traballar os técnicos deixaronnos subir ao camión motobomba e xogar coa sirena e a megafonía. 
Isto foi divertidísimo!!! Pasámolo bomba!!
Ademáis regaláronnos 4 castiñeiros para plantar no colexio.
Aquí tedes a noticia na Voz. Pincha na imaxe para poder lela.

Onte para celebrar o DÍA DA ÁRBORE saímos ao noso patio a plantar os castiñeiros que nos regalaran. Axudáronnos Xosé o conserxe e a profe Susi, que é a profe encargada de Voz Natura.
Despois, aproveitamos que tamén se celebraba o DÍA DA POESÍA e lemos uns poemas sobre árbores de escritores galegos.
Na clase cada un de nós pintou e recortou unha árbore e escribiu unha razón para plantar unha árbore.Temos  tantas razóns como rapaces. 
En canto teñamos todas as imáxenes de esta celebración poderedes velas aquí.

mércores, 21 de marzo de 2012

ACTIVIDADES DE FORMACIÓN DE USUARIOS

Dende o CEIP MESTRES GOLDAR de Vigo chéganos este libro de actividades Lim para traballar a Formación de Usuarios da biblioteca escolar.
Trátase dun estupendo traballo da coordinadora da súa biblioteca: a profe Julia González, a quen enviamos un abrazo dende aquí e lle agradecemos que comparte o seu traballo connosco.
GRAZAS JULIA !!