Desde o 4 ao 31 de marzo de 2012, ven desenvolvéndose en Pontevedra unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Levábamos un tempo desexando asistir ao Salón, e como o curso pasado non puidemos finalmente ir, este ano non o deixamos pasar
O tema deste ano é 12 +1. O Salón indaga nas supersticións, de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte, e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil.
A presenza das supersticións é habitual tanto na tradición oral como na literatura contemporánea. Maniféstase de moitos xeitos. Cos números:12+1 (no canto de 13); con símbolos máxicos que funcionan coma amuletos: a figa, a pata de coello...; coas accións que nos dan poder ou nos apartan do mal: cruzar os dedos, pasar a man pola barriga dunha preñada, atopar un trébol de 4 follas, botar o sal por enriba das costas, fregar o chepón dun concorvado... coa presenza de seres sobrenaturais como a Santa Compaña; co máxico poder de lugares especiais coma os cruces de camiños ou os camposantos; con elementos que nos dan medo ou nolo quitan: allos, cruces de madeira... con apócemas máxicas: a queimada e o seu conxuro... e mesmo con animais tan cotiáns coma os gatos. Se son negros, mellor que mellor!
O autor homenaxeado é Paco Martín, escritor e mestre nado en Lugo cunha grande traxectoria de publicacións e premios entre outros o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 1986 co libro Das cousas de Ramón Lamote.
Aquí están as imaxes da nosa visita.
Tamén fixemos un Roteiro polo casco antigo de Pontevedra pois non é habitual para nós visitar esta cidade e queríamos coñecela un pouco mellor. Foi o propio Salón do Libro o que nos organizou esta visita á cidade e incluso nos puxo un guía que nos explicou con todo luxo de detalles os segredos das súas rúas.
Gustounos tanto que temos pensado volver ao Salón tamén o curso que ven e de paso visitar todos aqueles fermosos lugares que nos ofrece Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario