martes, 7 de xuño de 2022

EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

Hoxe pasamos o día en Santiago de Compostela. Fomos todo o cole, pero o alumnado de Infantil e 1º e 2º de primaria viaxaron nun autobús e visitaron o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Ademais de coñecer a exposición da man das monitoras Rebeca e Susana, tiveron tamén a oportunidade de realizar un obradoiro no que demostraron que a parte creativa dáselles verdadeiramente ben!!! Sorprendeume moito en que foron capaces de convertir un simple prato de cartón!!! Despois foron paseando polas rúas de Compostela ata a Alameda, onde xantaron na compañía do resto do cole.

A xornada foi ben bonita e para iso só hai que preguntarlles a elas e eles, e ver as fotos que fixeron, onde podemos comprobar que non perderon ningún detalle:

As Marías alegráronse moito de recibir a visita de Infantil, 1º e 2º.

Pola súa parte, 3º, 4º, 5º e 6º de primaria estiveron no CESGA, o Centro de Supercomputación de Galicia, no que Fernando e Mª José lles explicaron a función deste edificio situado no Campus da Universidade de Santiago, importantísimo para as persoas que se adican á investigación na nosa comunidade, grazas aos servizos que ofrece, entre os que destaca o almacenamento masivo de datos ou a posibilidade de acceso desde calquera ordenador conectado á rede Internet.

Mª José e Fernando despois de amosar as instalacións do CESGA.

E, por último, visitaron o Parlamento de Galicia, onde foron convidados a participar nun pleno dentro da Campaña Mundial pola Educación. Para iso, as ONG Ayuda en Acción e Educo propuxéronnos escribir un texto describindo o cole, explicar cales eran as melloras necesarias para que o centro fora inclusivo e plantexar algunhas preguntas para facer ás autoridades. Neste proceso guiounos Laura, a representante de Educo que visitou o noso centro. No Parlamento representáronnos Soraya e Guille, que o fixeron de marabilla e mesmo chegaron a emocionarnos co seu discurso e o ben que falaron nun ambiente tan novidoso para todos/as nós. Premendo na imaxe podedes ver tamén as fotos que fixeron (algunhas das cales nos enviou Laura), así coma o vídeo no que falan Soraya e Guille.

Soraya e Guille ocupando os sillóns do Parlamento.

Tamén podedes ver o vídeo completo deste acto premendo aquí.

A experiencia foi moi gratificante para todo o grupo, e desde aquí queremos agradecer a todas as persoas que o fixeron posible, en especial ás mencionadas ONG pola súa implicación connosco: Jenni e Laura.

E tamén ás que nos acompañaron nas actividades sinaladas anteriormente a esta: as monitoras do CGAC -Rebeca e Susana- e a Mª José e Fernando -do CESGA-, que con tanta atención nos recibiron. 

Unha aperta,

Rosiña


Ningún comentario:

Publicar un comentario