venres, 15 de novembro de 2019

ANDURIÑAS DE PAPEL


Despedimos esta semana de novembro cunha actividade moi fermosa que achegou ao noso cole PALMIRA. Esta rapaza de Fisterra xa estivo en San Cosme hai varios cursos facendo moitos e coloridos barquiños de papel. Tamén nesta ocasión foi a papiroflexia ou origami unha das partes do obradoiro que nos presentou hoxe.
Achégase o 25 de novembro, unha data na que se celebra o Día contra a violencia cara á muller, algo que, tristemente, segue a formar parte das noticias do noso país día tras día. Por este motivo, Palmira estivo connosco conversando sobre o que é o feminismo, en que situacións se dá violencia de xénero, qué podemos facer nós para axudar a que eses feitos desaparezan... Aínda que pareza incríble, dánse casos en moitos e diferentes contextos (fogares, lugares de traballo, lugares de ocio, etc.), e non hai que ir nada lonxe para coñecer a algunha muller, rapaza ou nena que sufra situacións de violencia. Sen ir máis lonxe, Palmira lembrounos que dúas meniñas de Carballo sufriran o ataque de varios rapaces polo simple feito de bicarse. 
Despois desta primeira parte de conversar, a nosa invitada contounos dúas lendas moi bonitas e apropiadas para esta temática: a historia xaponesa das mil grúas e a das tatuaxes de anduriñas nunha man. E da unión de ámbalas dúas, Palmira deseñou unha anduriña que realizamos coa técnica da papiroflexia. Quedaron moi bonitas e pasamos unha mañá inesquecible con Palmira, á que tanto cariño temos no noso cole. Moitísimas grazas por todo o compartido con nós, Palmira!!!
Se queredes, premendo AQUÍ ou sobre a imaxe podedes ver as fotos deste obradoiro, e practicade a facer miles de anduriñas para que non se vos esquezan os pasos e, quen sabe, ao mellor tamén se vos cumpren os vosos desexos!!!

Amosando as nosas anduriñas de papel na biblioteca do cole.


Ningún comentario:

Publicar un comentario