Alejandro entregándolle un agasallo a Ángel. |
Que alegría recibir a Ángel Carracedo no cole!!!! Alegrámonos sempre que sabemos noticias súas, pero cada vez que nos visita o ambiente do cole énchese dunha maxia que só Ángel consigue!!!
Somos unhas persoas moi privilexiadas por poder contar coa súa presenza nun centro coma o noso, compartindo con el unha xornada de conversas cheas de sabeduría, e non só sobre ciencia, senón tamén sobre temas da vida cotiá que tanto nos preocupan como os valores do ser humano ou o sentido da nosa vida. Pero ademais de magnífico contador, Ángel ten unha cualidade que o diferencia de moitas outras figuras que destacan en distintos ámbitos: a súa humildade. Que unha persoa tan recoñecida a nivel mundial, solicitada en multitude de eventos relacionados coa ciencia (e tamén fóra dela), se ofreza a escoitarnos durante toda unha xornada debe enchernos de orgullo a todas as persoas que compartimos con el estes momentos.
Na nosa biblioteca conversamos durante parte da mañá. |
Na biblioteca reunímonos en dúas quendas, unha para o alumnado e outra para o profesorado, as nais e pais do alumnado e todas as persoas do contorno que quixeran achegarse ata San Cosme. E entre estas catro paredes xurdiron preguntas con e sen resposta, pero tamén reflexións moi interesantes nun ambiente distendido e ameno que gardaremos no noso recordo con moitísimo cariño.
Momento da entrevista en "Radio Rosiña". |
Pero tamén no noso recuncho radiofónico, xa que Ángel foi entrevistado en "Radio Rosiña" polas rapazas e rapaces de 5º e 6º, todo un acontecemento que prepararon con moitísimas ganas e cuxo resultado foi moi gratificante. En breve poderedes escoitar esta entrevista, que rematou cun agasallo para as locutoras e locutores de maoir idade do cole: un par de contos a micrófono pechado que Ángel leu para nós.
Ángel, moitísimas grazas por facer deste 27 de novembro un día máxico e inesquecible!!!
Premendo nas imaxes podedes ver todas as fotos da xornada. A entrevista subirémola nos próximos días.
Ningún comentario:
Publicar un comentario