mércores, 27 de febreiro de 2019

ENCÁNTANOS A RADIO

Aquí están algunhas das razóns polas que aos nenos e nenas de 5º e 6º lles encanta ir á radio. Eu estou encantada de que a participación do alumnado sexa tan grande, o que fai que "Radio Rosiña" emita programas con moitísima frecuencia. Algúns deles teñen máis éxito ca outros, pero todos eles son moi ben recibidos por todas as persoas que participamos neste proxecto, e de seguro que o testimonio destes rapaces e rapazas vos gustará escoitalo. Aquí volo deixo:




martes, 26 de febreiro de 2019

ROSALÍA NAS VOCES DAS NENAS E NENOS DO COLE

Aquí temos os vosos recitados poéticos polo "Día de Rosalía". Que bonitos vos quedaron!!!! Ademais, gravámolos en directo, así que aquí tedes un claro exemplo de que tedes unhas voces marabillosas para a radio, tanto dentro do noso estudio como no exterior. PARABÉNS A TODAS AS PERSOAS QUE PARTICIPARON NESTA ESTUPENDA ACTIVIDADE.

En Infantil crearon dous centóns, que recitaron Olalla, Ainhoa e Laura. En 1º e 2º fixeron un centón cada un/unha. Así, escoitaredes a Pablo, Íker, Anxo, Guille, Ángel, Soraya, Alicia, Lucía, Uxía e Luzdivina. En 3º e 4º fixeron un centón entre todas e todos. Recitouno para todas nós Paula Pereira, e no patio soou moi bonito. En 5º e 6º recitaron todas e todos: Alejandro, Joel, Miguel, Pablo, Jorge Lema, Samuel, Jorge Otero, Paula Maneiro, Daniela, Mª José, Paula Barcia e Nerea. Presenta este programa especial de "Radio Rosiña" Paula Maneiro. Só tedes que darlle ao play para desfrutar de dez minutiños moi poéticos:





CENTÓNS ROSALIANOS

Nerea lendo o seu centón rosaliano.
Linda a xornada desta mañá no cole, na que nos reunimos no patio para recitar os poemas que construímos mesturando versos de diferentes poesías da nosa querida Rosalía, participando así na celebración do Día adicado á unha das poetas galegas máis importantes. O acto foi fermoso grazas ás vosas re-creacións, que ademais recitastes como auténticos e auténticas poetas!!!! Mentras non subimos as gravacións a "Radio Rosiña" podedes ver as estupendas fotos que nos fixo o profe David (premede AQUÍ ou sobre a imaxe).
Espero que vos animedes a practicar esta divertida actividade con outros/as poetas, e a facer moitas outras..., pero, sobre todo, espero que non deixedes de ler poesía!!!! 

RECITANDO COPLAS

En 1º e 2º estiveron en Radio Rosiña e gravaron unhas coplas que foran recollidas hai varios anos polo alumnado do cole. Naquel momento recolléronse tantas que fixeron un "Sancosmeiro" adicado exclusivamente a elas. En 1º e 2º fixeron unha selección coas que máis lles gustaron e recitáronas así de ben para todas as persoas que escoitan a nosa radio. Aquí vos deixo tamén este fermoso traballo, polo que quero felicitar a Alicia, Pablo, Anxo, Uxía, Lucía, Luzdivina, Íker, Ángel, Soraya e Guille!!!



sábado, 23 de febreiro de 2019

MANDADIÑOS DO MECO

Durante a semana andiven tan apurada que esquecín un detalle moi importante: os mandadiños do Meco!!! O vindeiro venres celebramos o Entroido e eu aínda pensando que quedaba máis tempo!!! Xa sei que vos avisou o profe David o venres pola tarde, pero por se alguén anda despistado, lembrade que o luns temos que levar unha perruca na cabeza. Decidide vós que tipo de perruca se asemella máis á dun científico, porque o mandadiño dicía así:

SE UN XENIO QUERES PARECER

O LUNS UNHA PERRUCA HAS DE TRAER.

xoves, 21 de febreiro de 2019

EXCURSIÓN A CORUÑA

Este xoves estivemos na Coruña, desfrutando dunha excursión moi científica, xa que visitamos dous dos museos máis coñecidos da cidade, ademais dos máis representativos en canto a ciencia se refire. A primeira parada fixémola no "Domus". Neste museo interactivo, o primeiro do mundo adicado ao ser humano, puidemos ver 3 curtas: unha sobre a saúde dos océanos; outra sobre unha rapaza falando da súa carreira como estudante de ciencia e a última delas sobre a polinización. Despois destas proxeccións visitamos as exposicións do museo, adicadas a temas tan interesantes coma as neuronas, a xenética ou a evolución do ser humano, entre outros.
David fotografounos diante da Casa das Ciencias.
A segunda parada foi na "Casa das Ciencias". Aquí, o entusiasmo máis grande estaba reservado para o Planetario, onde puidemos coñecer cousas moi interesantes sobre a as
tronomía, a través dun vampiro que nos ía amosando os planetas, as estrelas, as constelacións... Despois, quedounos aínda un ratiño para percorrer as súas plantas con exposicións e xogos relacionados, sobre todo, coa física. Tamén puidemos pararnos un pouquiño diante do péndulo de Foucault, empregado para demostrar a rotación da Terra.
Ao saír da Casa das Ciencias, xantamos no Parque de Santa Margarida, xogamos un ratiño e regresamos para San Cosme, onde xa os buses estaban agardando por nós para ir aos nosos fogares.
Seguro que todas as persoas chegamos máis cansadas do habitual, pero mereceu a pena: pasámolo moi ben, tivemos un día estupendo e aprendemos un montón de cousas!!!!
Premendo sobre a imaxe ou AQUÍ podedes ver as fotos que fixemos nesta xornada.


 

mércores, 20 de febreiro de 2019

SUBSCRÍBETE A "RADIO ROSIÑA"

Esta semana pensei que era unha boa idea escribir a todas as familias do centro para falarlles da nosa radio, "Radio Rosiña". Preguntarédesvos cal é o motivo. Xa sei que moitas das familias visitades o blog de vez en cando, e mesmo ledes, vedes e/ou escoitades con atención todas as cousas que nel vou publicando... Pero o certo é que a nosa "Radio Rosiña" non ten seguidores nin seguidoras, ou moi pouquiños/as. É unha mágoa porque así non vos perderiades nada do que se vai publicando, que é moi interesante e está feito con moitísimo interese... Ademais, se non puiderades escoitar o programa nese momento, podedes descargalo (xa que se trata dun podcast) e escoitalo cando vos apeteza e/ou poidades.
Así que anímovos tamén desde aquí para que vos subscribades e non vos perdades nada do que facemos en "Radio Rosiña".


 

Unha aperta!!!!

martes, 19 de febreiro de 2019

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2019

O vindeiro 24 de febreiro celébrase o "Día de Rosalía". Xa que é domingo, pensei que estaría ben celebralo o luns, día 25. Rosalía destacou, sobre todo, como escritora de poemas, e por iso durante estes días recibiredes nas vosas clases moitos versos seus... Pero nesta ocasión tamén quero que experimentedes coas súas palabras, para o cal vos propoño un experimento-xogo, que consiste na confección dun poema con versos de diferentes poemas de Rosalía. Esta actividade denomínase centón, pero penso que está moito mellor explicado na carta que vos deixei hoxe nas aulas. Tédela aquí tamén:



E xa sabedes que espero ansiosa os vosos resultados, que de seguro nos sorprenderán a todas as persoas que poidamos lelos.
Vémonos o luns!!!!
 

venres, 15 de febreiro de 2019

ROSIÑA DEPORTES

Hoxe estrenamos un novo programa en "Radio Rosiña"!!! Chámase "Rosiña Deportes" e inaugúrase cunha entrevista moi entretida que o profe David fai ás persoas que se clasificaron na última competición de Campo a Través. Seguro que queredes escoitar as respostas de Jorge Otero, Paula Barcia e Paula Maneiro!!!! Pois xa sabedes: só tedes que premer no seguinte enlace:



PROGRAMAS RADIOFÓNICOS

A semana pasada estivo con nós Luís, un excepcional técnico de radio que forma parte de Rede ESPORA. Durante esa xornada, o alumnado de 4º, 5º e 6º afrontou os retos que Luís nos propuxo dun xeito moi profesional, como podedes comprobar nas seguintes gravacións.
Comezamos "Recitando poemas" de Ana Mª Fernández, que realizan deste xeito Jorge Otero, Paula Barcia, Álex e Pablo, quen ademais se encargou do son no noso estudio de "Radio Rosiña":


Tamén sobre poemas gravaron o seguinte podcast Joel, Nerea, Miguel e Mª José. Neste caso, o reto estaba en engadir palabras nos ocos nos que desapareceran as escritas por Pepe Cáccamo. E así de diferentes quedaron para o programa "Poemas porquiños":


E, por último, un reto que me encantou e penso que quedou moi fermoso: os "Mini-contos porquiños", nos que Luís nos entregou palabras coas que Jorge Lema, Daniela, Paula Maneiro e Samuel crearon unhas historias moi interesantes. Non as perdades:


E por hoxe ata aquí!!! Pero agárdannos moitas máis cousas os vindeiros días, así que estade moi atentos e atentas!!!!