mércores, 25 de novembro de 2020

"QUE NINGUÉN TE ENGAIOLE" - ACTIVIDADE DO 25 de NOVEMBRO

Este curso celebramos o "Día contra a violencia cara a muller" realizando unha actividade titulada "Que ninguén te engaiole", a través da cal manifestamos a nosa preocupación por todas as actuacións que prohíben ás mulleres tomar decisións, facer as cousas que elas queren..., ser libres!!! Sabemos que esta é unha tarefa de todas as persoas, non só de mulleres, por iso todo o alumnado e o profesorado nos sumamos con forza para conseguir este dereito tan fundamental. 

Ademais de traballalo nas aulas, realizamos dúas actividades colectivas: unha delas foi deseñar unha gaiola en cada grupo, que expuxemos no corredor e tamén podedes ver aquí:

A outra, como podedes imaxinar, foi realizar un programa en Radio Rosiña, onde as presentadoras Martina (5º) e Alba (6º) vos contan máis cousiñas polo miúdo. Aquí vos deixo tamén o enlace para que o escoitedes e descarguedes:

 

 Unha forte aperta,



venres, 20 de novembro de 2020

DÍA MUNDIAL DA INFANCIA

O 20 de novembro celébrase o "Día Mundial da Infancia", que cada ano lembra a firma da Convención sobre os Dereitos do Neno e da Nena, aprobada no ano 1989. Nela recóllense os 54 artículos que recollen os dereitos económicos, sociais, culturais, civís e políticos que os gobernos deben cumprir. Tamén define as obrigas e responsabilidades das nais e pais, do profesorado, das profesionais da saúde, das persoas adicadas á investigación e as dos propios nenos e nenas.

A Convención sobre os Dereitos do Neno e da Nena converteuse en lei en 1990, sendo firmada e aceptada por 20 países, entre eles España. Hoxe todos os países do mundo a aceptan, excepto Estados Unidos.

Sei que no cole estades traballando este tema durante estes días, e estarei encantada de ver as actividades que ides realizando relacionadas con el. A primeira é un traballiño fantástico que fixeron na aula de 3º e 4º de Primaria, onde estiveron coñecendo a Malala Yousafzai. Malala recibiu o Premio Nobel da Paz no ano 2014, sendo a persoa máis nova que acada ese galardón. Pero as rapaciñas e rapaciños de 3º e 4º cóntannolo moito mellor no seguinte vídeo:

EN HORA BOA POLO VOSO TRABALLO!!!




mércores, 18 de novembro de 2020

ACTIVIDADE PARA CELEBRAR O DÍA CONTRA A VIOLENCIA CARA A MULLER

OLA, RAPACIÑOS E RAPACIÑAS!!!

Como estades? Eu, sinceramente, moi contenta de vervos polo cole, de saber que seguides sans e coas enerxía que vos caracteriza!!! Lembrade que é moi importante que sigamos tomando todas as precaucións acordadas.

Hoxe escríbovos para contarvos a próxima celebración que realizaremos no cole, que terá lugar o vindeiro 25 de novembro. Esa data aparece sinalada no calendario como o "Día contra a violencia cara a muller", aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999. Desde entón xa pasaron 21 anos, pero aínda seguimos vivindo situacións que amosan que moitas persoas seguen a sufrir diferentes tipos de violencia.

Eu quero convidarvos a realizar unha actividade na aula que logo expoñeremos por todo o cole. Leva por título “QUE NINGUÉN TE ENGAIOLE” e consiste en realizar unha gaiola na que se atope a silueta dunha ave que vós elixades e na que os seus barrotes estean compostos por oracións que falen daqueles dereitos que ninguén debe quitarche. Tede en conta que hai moitas maneiras de violencia, non só pegar fisicamente é maltrato… Poden comezar con “Ninguén ten dereito a…” 

E as nenas e nenos de Infantil, que estades aprendendo a escribir, podedes construír a gaiola empregando as vosas pegadas dactilares.

Na súa portiña, podemos escribir o número 016, que é o número de teléfono de atención a víctimas de violencia de xénero.  

Agardo ver os vosos traballos!!!

Unha aperta,

 

venres, 13 de novembro de 2020

CELEBRACIÓN DO MAGOSTO

Rematamos esta semana de novembro celebrando o MAGOSTO no cole. Aínda que tamén esta foi unha festa moi diferente, pasámolo moi ben xogando no patio e degustando un dos froitos máis característicos do outono: as CASTAÑAS!!!!

Podedes ver as fotos desta tardiña premendo AQUÍ.

Unha aperta,


 


SOAN EN "RADIO ROSIÑA" OS RELATOS DE MEDO

Bos días!!!!

Aquí están xa todos os relatos que foron premiados no "Concurso de Relatos de Medo" do pasado Samaín.

Estou moi contenta de ver que estades participando na Radio con tanta ilusión coma sempre, e desexamos que así siga sendo!!!

Ademais, facédelo tan ben que estou segura de que moitas se engancharán ás ondas grazas á vós!!! 

Comezamos co conto da aula de 3 e 4 anos de Educación Infantil, cuxa presentación fixeron unha nena e un neno de 5º e 6º de Primaria:


Este conto podedes tamén velo no seguinte vídeo:


Aquí podedes escoitar ás nenas e nenos de 4 e 5 anos de Educación Infantil:

O seguinte pertence a Olalla, que gañou o premio na aula de 1º e 2º de Primaria:

Tampouco podía faltar o da clase de 3º e 4º, grandes profesionais da radio. A historia que recibiu premio foi a de Íker, e podedes escoitala aquí:

En 5º e 6º tamén houbo premio, que nesta ocasión foi para Brais Carreira:

 

Por último, aquí tedes tamén o relato gañador do premio especial do xurado, que foi para Alejandro Villar, quen tampouco podía faltar na radio:

 

DESFRUTADE MOITO DAS VOCES DESTAS RAPACIÑAS E RAPACIÑOS!!!


 

mércores, 4 de novembro de 2020

RELATOS DE MEDO NO SAMAÍN 2020

Quero compartir con vós os relatos que presentastes ao concurso desta edición 2020-21. Os que recibiron premio están publicados na entrada sobre a celebración do Samaín, e aquí van o resto deles.

Todos estaban moi ben, así que me gustaría que puiderades ler esas historias que redactaron as nenas e nenos dos diferentes grupos, para que comprobedes por vós mesmas que no Víctor Sáenz poden xurdir algúns e algunhas escritoras!!!!

Para ler as historias de 1º e 2º, premede aquí.

As creacións de 3º e 4º atoparédelas premendo aquí.

Os relatos de 5º e 6º podes lelos premendo aquí.

Espero que os desfrutedes moito e que non deixedes de escribir e participar neste tipo de concursos!!!

Apertas, 



sábado, 31 de outubro de 2020

CELEBRACIÓN DO SAMAÍN 2020

O venres, 30 de outubro, celebramos o Samaín no cole. É certo que foi moi diferente aos que adoitabamos facer, pero aínda así mereceu a pena adicar unha xornada a unha das festas que máis nos gustan. 

Durante a mañá, nas diferentes aulas léronse, contáronse e/ou proxectáronse historias relacionadas co medo, realizamos un obradoiro de música e preparamos petiscos terroríficos que degustamos antes do recreo. Tamén se fixeron actividades de plástica, que ao igual que as anteriores, desenvolvéronse nas aulas de cada grupo, mantendo así os agrupamentos estables de convivencia...

Ao mediodía, antes de xantar, entregáronse os premios ás cabazas máis votadas por todo o alumnado, e tamén aos relatos de medo que presentastes á décima edición deste concurso. En canto ás cabazas, alegreime moito ao comprobar que a participación foi moi alta, e adicastes parte do voso tempo coa familia para decorar unha que fotografastes e enviastes para o concurso. Moitísimas grazas!!! De todas elas, as que máis votos recibiron foron, en primeiro lugar, a de Alicia Alvite Ramos (3º de Primaria), en segundo a de Sofía Mourelle San Martín (Educación Infantil-4 anos) e o terceiro foi para a de Sara Labandeira Gerpe (5º de Primaria). Así de contentas recolleron os seus premios:

Alicia recolleu o 1º premio no Concurso de Cabazas.

A cabaza de Sofía gañou o 2º premio.

Sara recibiu tamén moitos votos e gañou o 3º premio.

Houbo tamén unha "Mención de honra" para a cabaza presentada por Daniel Ínsua Moldes (1º de Primaria). Ao ser unha das máis votadas tamén tería que estar entre as premiadas, pero como sabedes intentamos que cada ano leven premio persoas diferentes, pero cando o éxito é tan grande, consideramos que era xusto telo en conta, polo que se lle fixo entrega dun diploma e un agasallo. Dani non puido acompañarnos nesta xornada, pero a súa titora recolleu o premio que lle entregará en canto regrese!!!

A profe Sonia recolleu o premio de Dani.
 

A continuación, entregáronse os premios aos relatos. En Infantil presentaron un conto en cada aula, polo que obtiveron dous diplomas e dous agasallos: un para Educación Infantil de 3 e 4 anos, e outro para Educación Infantil de 4 e 5 anos. Premendo sobre a imaxe podedes descubrir as súas terroríficas historias!

O conto da aula de 3 e 4 anos leva por título "Unha tarde de medo no cole".

"A bruxa acabada" foi o título do conto que presentou a aula de 4 e 5 anos.

En canto a Educación Primaria, outorgáronse catro premios: 

Na aula de 1º e 2º, Olalla Suárez Grille

En 3º e 4º, Íker Freire Cambeiro

En 5º e 6º, o premio foi para Brais Carreira Antelo.


Tamén se concedeu un "Premio Especial" a Alejandro Villar Negreira, quen presentou unha historia creada por el na aula de P.T.

Estas historias está previsto gravalas en "Radio Rosiña" para compartilas con todas as persoas que nos sigan a través das ondas, así que estade moi atentas!!!! Mentras tanto, podedes lelas premendo AQUÍ.

Para ver as fotos que fixemos durante a xornada, só tedes que premer AQUÍ.

No seguinte vídeo podedes ver as cabazas presentadas a concurso e as súas creadoras:

Apertas,





venres, 30 de outubro de 2020

GUÍA DE SAMAÍN 2020

Aquí vos deixo a Guía de Lectura que fixen para o Samaín. Nesta ocasión non a imprimimos, pero fixemos un vídeo curtiño no que veredes algunhas das novidades relacionadas co medo, a intriga, o suspense... E, ao final da mesma, tedes tamén algunhas propostas para compartir en familia. Espero que vos sexa útil e que, no caso de que vos animedes a ler algún dos libros que nela van, os desfrutedes moitísimo:





luns, 26 de outubro de 2020

DÍA DAS BIBLIOTECAS

Aquí vos  presento o vídeo que realizaron as nenas e nenos do CEIP Víctor Sáenz para conmemorar o "Día das Bibliotecas", porque aínda que estamos vivindo unha situación que nos impide realizar as actividades do xeito no que estabamos acostumadas, sabemos que as bibliotecas non deben faltar nas nosas vidas!!! 

Espero que vos guste moito esta pequena montaxe que fixemos cos vosos recitados, poetas marabillosas!!!


venres, 23 de outubro de 2020

EN EDUCACIÓN INFANTIL FALAN DE DISFRACES EN "RADIO ROSIÑA"

O curso pasado adicamos o proxecto documental integrado ás aves, e debido á suspensión de clases no mes de marzo, quedaron algunhas cousiñas pendentes de facer ou de rematar. Este foi o caso de Educación Infantil, quenes se disfrazaron de pavos reais para celebrar o Entroido. En "Radio Rosiña" emitimos varios programas adicados aos disfraces, pero este grupo non puido rematar a súa gravación naquel momento, así que aproveitaron estes días de regreso ás nosas actividades presenciais para facelo. E quedoulles así de chulo!!! Escoitade, escoitade: