domingo, 4 de outubro de 2020

AS AVES, INDICADORES DE CALIDADE DE VIDA

Cartel de SEO/Birdlife

Esta fin de semana celebrouse o "Día das aves", para a cal a organización SEO/Birdlife elixiu un lema que amosa a importancia destes animais no noso entorno: "As aves, indicadores de calidade de vida". As aves son os mellores indicadores do estado de saúde do noso ambiente, son símbolo de vida, de calidade de vida. 

E no cole, xa que este curso seguiremos aprendendo todo o que poidamos sobre elas, tamén queremos ter en conta esta data, desexando que os seus cantos se sigan escoitando día tras día!!! 




venres, 2 de outubro de 2020

DESPEDIMOS AO CREADOR DE MAFALDA


Somos moitas as persoas que coñecemos a Mafalda, que lemos e desfrutamos coas viñetas dunha das rapaciñas de cómic máis coñecidas do mundo. O seu creador, Joaquín Lavado, máis coñecido como Quino, faleceu o pasado 30 de setembro na súa cidade natal, Mendoza (Arxentina). Mafalda foi o seu personaxe máis coñecido, e foi publicada por primeira vez no ano 1964, así que neste 2020 cumpre xa 56 anos!!! Sen embargo, esta nena segue sendo un exemplo a seguir en canto á súa opinión sobre o mundo que lle rodea. Daquela non se coñecía o coronavirus, e non había moita conciencia social sobre problemas que afectan á totalidade do noso planeta, pero as súas reflexións seguen a ser totalmente válidas na actualidade. Se non a coñeces, esta é unha boa ocasión para que a descubras.  





venres, 18 de setembro de 2020

ABRIMOS A BIBLIOTECA!!!!

Bos días!!!

Estou moi contenta porque hoxe traigo unha nova estupenda: ABRIMOS A BIBLIOTECA!!!! Durante estes días mantivémola pechada porque había que reorganizala tendo en conta as novas normas que estamos adoptando no cole debido ao coronavirus... Xa rematamos o protocolo e queremos presentárvolo aquí para que o coñezades moi ben e respectedes todas as decisións que se tomaron:

 

Ademais, repartín nas vosas aulas unhas actividades para que poidades comprobar que o sabedes todo!!! Podedes repasalas tamén desde o blog. Premendo AQUÍ atoparedes as seleccionadas para Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria.

Para o alumnado de 3º a 6º atoparédelas premendo AQUÍ.

Isto é todo por hoxe. Non sabedes que alegría me dá saber que ides visitar de novo a biblioteca!!!! Que ganiñas de que os libros comecen a voar de novo...

Unha aperta enorme e, xa sabedes, espérovos na biblioteca a partir da semana que vén!!!!


 

mércores, 9 de setembro de 2020

RECIBIMOS O CURSO 2020-21

OLA, XENTIÑA!!!

Que ganiñas de voltar ao cole!!! De vervos a todas, de contarnos como nos foron tantos meses sen vernos!!! Hoxe vai ser un día moi, moi especial. E tamén mañá, xa que algunhas persoas comezan hoxe, pero o resto terá que agardar ao venres. Nestes dous días toca ir coñecendo as novas rutinas do cole. Nesta ocasión si que podemos falar dun estreno absoluto, xa que é a primeira vez que comezaremos o curso seguindo unha serie de pautas que nos impón o famoso coronavirus. Entre elas: 

-faremos un test antes de saír da casa sobre a nosa saúde;

-traeremos na mochila só o imprescindible;

-teremos que gardar máis distancia do habitual;

-estaremos moi atentas ao lavado das nosas mans e á desinfección dos materiais que empreguemos;

-teremos que usar máscara;

-permaneceremos co noso grupo durante a maior parte do tempo;

-as nosas familias non poderán acompañarnos ao interior do centro;

-seguiremos todas as indicacións que nos fagan no cole para movernos polos diferentes espazos;

-etc.

Vai ser todo ben distinto, iso é certo, pero tamén temos que pensar que, polo menos, poderemos estar xuntas e vernos, contarnos, compartir doutro xeito... Seguro que botamos moito de menos non poder abrazarnos (tanto que nos gusta!!!), pero pensade que ao final do curso pasado estabamos bastante peor... Así que toca alegrarse, animarse moito, facer as cousas como nos din para que así, coidándonos entre todas, poidamos seguir vindo ao cole!!!

Eu quero confesarvos que o da máscara non o levo moi ben, porque co meu tremendo fociño  non é nada doado atopar unha que se me axeite. E por enriba, todas me esmagan as orellas!!! Pero escoitei unha canción moi bonita, da cantante Uxía, na que non lles chama máscaras, senón GARDABICOS!!! Mirade que palabra tan bonita!!! Pensade niso cada vez que teñades moitas ganas de quitala, seguro que vos anima a aguantar outro anaco con ela. Se premedes AQUÍ podedes escoitar a canción e coñecer esta iniciativa cultural galega, na que participan algunhas persoas que visitaron o noso cole, como Celso Sanmartín ou Inacio Vilariño, así coma outras grandes artistas, como Benxamín Otero ou a citada Uxía.


luns, 22 de xuño de 2020

DESPEDIDA DOS NENOS E NENAS DE 6º

Bos días!!!!
Non imaxinades a alegría que levei esta fin de semana, cando recibín un fermoso e orixinal vídeo dos nenos e nenas de 6º. Xa que non poden despedirse como adoitamos facelo, cun festival de fin de curso, tiveron unha idea estupendísima: montar un vídeo no que repasan as súas etapas polo cole, desde Infantil a 6º de Primaria!!! Emocioneime moitísimo recordando como eran estes rapaciños e rapaciñas cando chegaron ao cole, e agora vervos xa feitos uns mozos e mozas a punto de comezar unha nova etapa. 
No cole tamén vos prepararon un vídeo que resume a través de fotografías estes anos no Víctor Sáenz, con mensaxes de varios mestres e mestras, aínda que esta tampouco era a despedida vos querían facer, pero a covid-19 cambiou os plans de todo o mundo en pouco tempo e non quedou máis remedio que adaptarse...

Aquí vos deixo o que fixeron as e os artistas de 6º, a quenes queremos dar as moitísimas grazas:


E o seguinte é o que montou a profe Marina, un pouquiño máis longo. Algunhas persoas xa puideron velo esta mañá no cole, pero para as que non tiveron ocasión, e para as que queiran velo de novo, aquí o tedes:



Unha aperta enorme,

domingo, 21 de xuño de 2020

GUÍA DE LECTURA PARA O VERÁN

Ola, familias!!!!
Hai xa tempo que non vos escribo, porque esta situación tívome un pouco fóra de combate... Estes días toca despedir un curso moi diferente ao que estamos acostumadas, pero antes de escribirvos para desexarvos unhas felices vacacións prepareivos unha guía de lectura con algunhas ideas para este verán. Xa que non é aconsellable imprimila para entregárvola, pensei que era boa idea cambiar de formato, así que a fixen en formato vídeo... Aquí vola deixo:


Unha aperta enorme!!!

domingo, 17 de maio de 2020

LETRAS GALEGAS 2020: "PALABRAS DESCONFINADAS"

Hoxe é o "Día das Letras Galegas", e no cole quixemos celebralo dun xeito especial. Para iso propuxemos un reto ás nenas e nenos de 5º e 6º, que non dubidaron en participar desde o primeiro momento; un reto que partía das ondas de "Radio Rosiña". Xa que estamos en tempos de confinamento, en 5º e 6º imaxinaron que sucedera iso coa lingua galega, e elixiron a palabra que desconfinarían en primeiro lugar. Queredes escoitalas? Seguro que pasades cinco minutiños moi entretidos con estes rapaces e rapazas tan estupendos!!! Desde aquí queremos agradecer a todas as nenas e nenos por participar, porque sen vós non habería programa: Álex, Andrea, Paula L., Alba, Brais, Ramiro, Joel, Jorge L., Samuel, Jorge O., Nerea e Paula B., e tamén a todas as vosas familias, por facilitar os audios para que isto fora posible. Aquí tedes o programa "Palabras desconfinadas":



venres, 15 de maio de 2020

MÚSICA CONFINADA

Aquí vos presento os vídeos cos resultados da proposta de música que fixemos a semana pasada: "MÚSICA CONFINADA I". Están enlazados no blog de música, pero como sei que adoitades visitar con máis frecuencia o da nosa biblioteca, anúnciovolo aquí para que non os perdades... 

Espero que vos gusten tanto como a min!!!! Premede sobre a imaxe para acceder aos mesmos.

Unha aperta enorme, artistas!!!!

LETRAS GALEGAS 2020

Ola, familias!!!!
Preme na imaxe para acceder a toda a recompilación.
Espero que estedes moi ben e que estedes pasando un bo mes de maio. Se o curso fora como estaba previsto, durante estes días estariamos preparando unha das celebracións que máis nos gustan no cole: os Maios e as Letras Galegas. Infelizmente non vai poder ser, pero tamén desde as nosas casas podemos ter en conta estas dúas festas tan relacionadas coa nosa cultura. 
Por ese motivo, prepareivos unha páxina con recursos do autor homenaxeado no 2020: RICARDO CARVALHO CALERO. Durante este mes ireivos poñendo máis enlaces para que poidades coñecer un pouco máis a este escritor e a súa obra: vídeos, actividades para imprimir, lecturas, actividades para facer en liña, etc. Premede na imaxe para acceder a toda a información.

Unha aperta enorme!!!



mércores, 6 de maio de 2020

O PAPAGAIO DE MAIO É DIXITAL

A revista "O Papagaio" acaba de sacar o número 8, e chega en formato dixital para facilitar a súa difusión, xa que polo de agora non será posible lela na nosa biblioteca...
Desde o Consorcio Editorial tamén nos envían "unha mensaxe de ánimo e forza" para esta fase da desescalada, así que desde aquí queremos darlles as grazas!!!
E a todas vós, aquí tedes a revista, que ademais adica a páxina 5 ás aves!!!! Non volo podedes perder!!! Premede na imaxe:

O Papagaio nº 8