xoves, 25 de novembro de 2021

DÍA CONTRA A VIOLENCIA CARA A MULLER: "DEIXÁDEAS BRILLAR"

Ola!!! 

Que bonito vos quedou o mural que realizastes para celebrar o "Día contra a violencia cara a muller". A actividade proposta, "DEIXÁDEAS BRILLAR", consistiu en escribir nunha estrela o nome de cada unha das nenas do cole, das nais, das avoas, das mestras e doutras mulleres que coñecerades e quixerades para incluílas nun ceo que quedou verdadeiramente fermoso, coma se dun universo cheo de esperanza e liberdade se tratara.

O mural atópase no corredor do colexio, formando parte da decoración deste curso.

Ese día, ademais, adicámolo a facer varios obradoiros coa compañía Dinamo nas diferentes aulas: unha xincana sobre as tarefas da casa, un xogo sobre as profesións que mesturaba a carreira de relevos e o coñecido memory, ou un xogo para averiguar palabras, algunhas das cales descoñeciamos, como sororidade, que fai referencia á solidaridade entre mulleres, especialmente ante situacións relacionadas co machismo.

E, pola tardiña, Carmen Domech contounos unha versión do coñecido conto "Artur e Clementina", de Adela Turin e Nella Bosnia que podedes ver de novo premendo aquí.

Desafortunadamente, este é un tema moi duro do que non debemos evitar falar, para percatarnos da súa problemática a todos os niveis e cambiar e denunciar todas aquelas cousas que observemos e que non permiten que as nenas e as mulleres de calquera lugar do mundo brillen libremente. 

Unha aperta enorme,

Rosiña


Ningún comentario:

Publicar un comentario