Bos días!!!
Hoxe escríbovos para para
darlle a benvida ás persoas que chegaron novas ao centro: ás profes Susana, Sara,
Cris e Lucía; e ás nenas e nenos de 3 anos: Saúl, Paula, Gael, Jimena, Aroa e
María!!! Espero que teñades un curso marabilloso neste cole no que vos
recibimos con moita alegría. E tamén quero saudar ao resto de profes, nenos e
nenas, moitos dos cales levan días preguntándome sobre que vai tratar o proxecto deste curso 2021-22, así que hoxe chegou o momento de desvelarvos a
grande incógnita...
Desde que comezou a pandemia son
moitas as persoas que se decataron da importancia dos espazos abertos, e poder
estar ao aire libre foi o desexo de moitas familias que se viron privadas desa
gran necesidade. Eu, como son tan afortunada coma vós, puiden aproveitar moitos
ratos ao aire libre aquí en San Cosme, paseando polos camiños, á beira dos
regatos e do río Xallas, e mesmo saltando de leira en leira... Non me vistes? Pois
tamén andiven polo medio dalgunha das hortiñas de San Cosme, e de Pazos..., e
mesmo probei uns repolos deliciosos da Pereira!!!
Tamén houbo algunhas noites, sobre
todo durante o verán, nas que me tumbei no patio e mirei para o ceo,
preguntándome se noutros planetas tamén estarían sucedendo cousas tan
preocupantes coma esta pandemia... Pero observar o ceo tranquilizábame, e
ségueo facendo, porque as cousas poden ir regular aquí na Terra, pero aí arriba
segue iluminando o Sol, a Lúa continúa trazando un percorrido ao noso redor
durante algo máis de 4 semanas, as estrelas mantéñense agrupadas formando
curiosas constelacións, etc. Non vos parece máxico? A nosa galaxia recibe o
nome de “Vía Láctea”, pero cantas máis haberá no universo? O espazo é
inmensamente grande, inmensamente descoñecido, inmensamente imaxinativo... E
por iso este curso quero convidarvos a cruzar un pouquiño máis alá do lugar que
percorren as aves, cruzar as zonas onde se asentan as nubes e observar todo o
que sucede a partir dos 100 quilómetros de altitude... Animádesvos? Seguro que
si!!!! E para comezar, propóñovos que me axudedes co lema para este proxecto,
porque estou convencida de que as vosas ideas serán moi orixinais.
Dádelle a esas cabeciñas e escribide as que se vos ocorran no modelo que
vos entregarán as mestras. A última semana de setembro recollerémolas todas para elixir unha que
se anunciará no cartel deste novo curso. Veña, veña, quero lelas canto antes no
taboleiro do corredor para comezar a nosa viaxe polo universo...
UNHA APERTA ENORME!!!
Rosiña
Ningún comentario:
Publicar un comentario