A semana rematou cunha actividade moi especial para o alumnado de 5º e 6º de Primaria: a gravación, en directo, dun programa de radio con "RTV Enxebre" no Auditorio de Vimianzo, no que tamén participaron o CPI Virxe da Cela de Monfero e o CEIP Labarta Pose de Zas.
Este programa foi unha das actividades do proxecto que a ONG "Ayuda en Acción" desenvolve no noso centro durante este curso a través do "Laboratorio de Radio", de quen estivemos recibindo formación ao longo deste curso.
Foi un acto moi emotivo, no que o alumnado dos tres centros amosou a súa boa preparación e moito entusiasmo para que o programa se levara a cabo como estaba previsto. Todo iso, por suposto, coa axuda de Sergio e Dani, así como de Lorena, que en todo momento estiveron pendentes de todas e cada unha das persoas implicadas no proxecto.
As ondas das tres radios uníronse para dar voz á infancia rural, á que tamén se uniron tres grandes mulleres que os diferentes centros tiveron a oportunidade de entrevistar: Beatriz Varela (delegada de "Ayuda en Acción" en Galicia), Mónica Viqueira ("Plataforma de Organizaciós de Infancia" de Galicia) e a mestra Alicia López Pardo, integrante da "Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural".
Desde o noso centro queremos agradecer a todas as persoas que fixeron posible esta inesquecible xuntanza, así como ao concello de Vimianzo, por concedernos a posibilidade de reunirnos nun espazo que permitiu manter as medidas recomendadas debido á covid-19. E, por suposto, á rapazada que representou aos tres centros a través das súas radios: "Onda Labarta", "Radio Xesteira" e a nosa "Radio Rosiña".
A voz da infancia rural rematou con esta foto conxunta. |
Podedes ler tamén a noticia publicada polos xornais "La opinión de A Coruña", "La voz de Galicia" e Adiante Galicia.
Para ver as fotos, premede sobre a imaxe, e algúns vídeos do momento de ensaio premendo aquí.
Apertas!
Rosiña
Ningún comentario:
Publicar un comentario