venres, 28 de febreiro de 2020

DÍA DE ROSALÍA 2020

O pasado luns, 24 de febreiro, celebrouse o "Día de Rosalía". No cole estabamos de vacacións, pero foron moitos os actos que se celebraron en diferentes lugares de Galicia nos que a obra de Rosalía de Castro foi o eixe central. No noso cole, aínda que uns días máis tarde, tamén quixemos sumarnos a esta celebración, orgullosas como estamos do camiño que esta grande escritora abriu para todas nós. Para iso nos xuntamos esta mañá na biblioteca, para falar de Rosalía, para escoitar nas voces das nenas e nenos de 6º o manifesto que redactou o escritor Daniel Asorey ("Errantes polo mundo") e que nos achegou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
E na biblioteca soaron os versos de Rosalía!!! Que mellor forma de render homenaxe a unha escritora que lendo a súa obra? E ademais, no cole fixémolo dunha maneira moi orixinal, xa que intentamos unila ao tema do proxecto ao tempo que lle engadimos música. Así, en Infantil cantaron a capella "Eu ben vin estar o moucho"; en 1º e 2º elixiron unha estrofa da Alborada á que tamén puxeron música; en 3º e 4º acompañaron con pandeiretas e voz o coñecido "Adiós ríos, adiós fontes", e en 5º recitaron con acompañamentos sonoros un poema sobre a dor da muller do emigrante.
Premendo sobre a imaxe podedes ver todas as fotos, ademais de algúns vídeos, desta celebración. 

A biblioteca encheuse de versos de Rosalía e música.
Déixovos aquí tamén o enlace de "A viaxe de Rosalía", onde a narradora e titiriteira Larraitz Urruzola vai contando, con monicreques, parte da obra de Rosalía e algúns dos momentos da vida desta artista:

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario