mércores, 24 de abril de 2019

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO

Onte comezamos as clases despois dunha semana de vacacións, e fixémolo celebrando unha data moi especial: o "Día do Libro". Durante toda a xornada a biblioteca converteuse no centro das actividades do cole, algo que xa forma parte da nosa vida cotiá, xa que nela desenvolvemos a grande parte das propostas que van xurdindo ao longo do curso. E como non podía ser doutro xeito, tamén foi a biblioteca a que acolleu a celebración deste 23 de abril
Celtia Figueiras encheu de contos e música a nosa biblioteca.
A primeira actividade conxunta celebrámola con Celtia Figueiras, unha contacontos marabillosa que xa nos visitou o curso pasado e que nesta ocasión trouxo historias moi coñecidas por todas nós, pero contadas dun xeito diferente. Celtia veu acompañada de Rosi, unha nena á que lle encantan os contos e a música. "Os tres porquiños", "O parrulo feo", "O gato con botas" e outros contos requetecoñecidos fixéronos pasar un rato estupendo despois do recreo.
Paula Maneiro amadriñou a Martiño, Alicia e Álvaro.
E pola tarde leváronse a cabo os apadriñamentos e amadriñamentos lectores, que tanta ilusión nos fan e que tanto desfrutamos. Foi unha mágoa que a chuvia non nos permitira elixir o patio como lugar para compartir as lecturas elixidas, pero en cada recuncho do cole atopabamos nenas e nenos lendo con grande entusiasmo todo tipo de historias. E tamén ilustrándoas ao seu xeito!!! A min encantoume ver a todas as persoas pasando un rato tan estupendo; seguro que a vós tamén!!! Premendo sobre as imaxes podedes ver o resto das fotos desta xornada que se celebra cada 23 de abril desde 1996.

Déixovos aquí tamén o marcapáxinas que editaron desde a Consellería de Educación, no que para esta ocasión contaron coa xenerosa colaboración da marabillosa escritora, poeta, narradora, profesora e académica MARILAR ALEIXANDRE, quen escribiu un poema que convida a reflexionar sobre a importancia da lectura como revulsivo para interrogar, cuestionar, dubidar, aprender, enfocar, repensar e nunca conformarse; a lectura como unha viaxe ao fondo das preguntas.



Ningún comentario:

Publicar un comentario