mércores, 20 de marzo de 2019

UNHA EXCURSIÓN MARABILLOSA

Esta semana está chea de acontecementos: o Día do Pai, o inicio da primavera, o Día da Poesía ou o Día do Síndrome de Down son algúns dos temas nos que centraremos as nosas conversas e actividades nas clases e tamén fóra delas. Sen embargo, este luns fixemos unha viaxe que dificilmente esqueceremos!!! Viaxamos a Santiago de Compostela para asistir á representación teatral da compañía Elefante Elegante "A danza da choiva" no Teatro Principal. Esta obra lanza unha pregunta moi seria e preocupante: que sucedería se de pronto deixase de chover? Non durante un mes, un verán ou un ano, senón para sempre? Aos nenos e nenas de Infantil, 1º e 2º gustoulles moito e seguro que vos poden falar sobre esta premiada obra que mestura o teatro xestual, a danza, os títeres... Despois da representación, deron un paseo polas rúas da zona vella de Compostela, e percorreron tamén parte dun dos lugares máis bonitos da cidade: a Alameda, onde nos reunimos todas para xantar. (Premendo na imaxe podedes ver máis fotos)

Infantil, 1º e 2º pasearon pola Alameda compostelá despois de ir ao Teatro Principal.

Por outra banda, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º tiña programadas dúas visitas. A primeira delas foi tal vez unha das máis máxicas que temos realizado: entrar no laboratorio de Ángel Carracedo!!! Non todo o mundo ten a posibilidade de coñecer un lugar así, xa que os laboratorios non son espazos turísticos. Ángel, a pesar de todo o traballo que ten, ofreceuse a guiarnos polo seu laboratorio, contándonos como traballan nel, explicándonos que instrumentos empregan e como funcionan algúns deles, presentounos a moitas das persoas que se adican a investigar sobre temas relacionados coa xenética, etc. Para todas as persoas que tivemos o grande pracer de compartir con el unhas horiñas do pasado luns, sabendo que apenas ten tempo libre debido á súa grande carga de traballo, sentímonos moi privilexiadas de poder engadir ás nosas vidas esta tremenda experiencia. Dificilmente imos esquecer o que supuxo para moitas de nós, e moitas persoas xa amosaron o seu agradecemento por levar adiante esta invitación do noso querido padriño Ángel Carracedo. Non é para menos!!! Ata unha porquiña coma min está impresionada coa vivencia e está pensando en adicarse á ciencia. Ao mellor tamén algún ou algunha de vós acaba elixindo no futuro un camiño científico... Quen sabe!!! (Premede na imaxe para ver máis fotos)

Ángel rodeado por todos/as nós no seu laboratorio.
Despois de coñecer o laboratorio de Ángel, visitamos o Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller, onde nos explicaron moitas das cousas que se poden observar no espazo desde a Terra a través de fotografías e vídeos. Ademais, puidemos ver tamén que aparellos empregan neste singular edificio para estudar todo o relacionado con esta temática, así como outros destinados ao estudo da meteoroloxía. Premede AQUÍ para ver as fotos que fixemos no Observatorio.

Foi esta unha viaxe moi interesante e intensa, que rematou co xantar e os xogos no parque da Alameda. 

Moitísimas grazas a Ángel Carracedo e a todo o seu equipo, que tan ben nos recibiu a pesar de que a nosa presenza interrumpiu o seu traballo cotiá: Eva, María e por suposto, Ángel... Esta viaxe foi máxica grazas a vós!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario