mércores, 21 de setembro de 2016

A LECTURA, UNHA CHAVE DE FUTURO

Este é o título dun proxecto editado pola Xunta de Galicia que imprimiremos no centro para que comece a visitar os vosos fogares dentro das mochilas viaxeiras, xa que consideramos fundamental ter en conta os artigos que nel se recollen. Esta publicación destaca, entre outros, aspectos como:
          -a importancia da lectura para a vida, xa que as persoas que len desenvolven habilidades que lles permiten coñecer mellor o mundo que os rodea e tamén os sentimentos propios e os das demais persoas;
           -o gusto pola lectura é unha herdanza familiar. Canta máis importancia e estima se lle outorgue a esta actividade na casa, máis posibilidades hai de que se adquira o gusto polos libros;
           -a ameaza para a lectura non está en internet, senón en crer que na rede se pode ler igual que se le fóra dela.

Entre as persoas que colaboran nos textos está Cristina Novoa, a máxima responsable da Asesoría de Bibliotecas Escolares e para moitos unha das principais referencias á hora de falar de animación á lectura en Galicia. Deixámosvos uns vídeos nos que se recolle parte dunha conversa moi proveitosa na que, sobre todo, reflexiona sobre a animación á lectura dentro da casa:
“Aos pais hai que tratar de convencelos que o seu papel é primordial: como mediadores e como exemplo lector. Ningún pai che vai dicir que non quere a lectura para os seus fillos. O que pasa é que para moitos non está no seu contexto ou nunca a viviron. Non son lectores, pero iso non significa que non saiban que é boa para os fillos. Outra cousa é que perciban para que outras cousas, ademais de para o desenvolvemento escolar, pode servir a lectura”.


Ningún comentario:

Publicar un comentario