luns, 5 de abril de 2010

LENDO LENDAS

Á volta das vacacións de Nadal, comezamos os traballos para por en marcha a nosa primeira Campaña de Animación á Lectura titulada "LENDO LENDAS". Agora que os contos e os cantos se van apagando con cada vello que morre, resulta de vital importancia rescatar os derradeiros testemuños da nosa riquísima tradición oral.
O noso obxectivo é transmitir aos nosos rapaces/zas a literatura popular galega e darlles a coñecer aos "habitantes do lusco-fusco, afeitos a medraren entre sombras e facer delas a súas aliadas; personaxes que nos fan tremer, que nos fan raiar, que nos encantan, que nos desencantan, que namoran, que enredan e mesmo chegan a causar desgrazas..." (Gloria Sánchez en Fadamorgana nº1, 1999)
Queremos que os nosos rapaces/zas aprendan a "tratar cos mouros, cos ananos, coa xente cativa que habita nos castros, nos pazos soterrados, que voen coas meigas por riba das silveiras e por baixo das carballeiras, que rouben o peite da moura, que sufran con paciencia a trasnos, diaños e tardos, que se durman con Pedro Chosco e que recollan carbóns que se convintan en tesouros". (Pequena Mitoloxía de Galicia, 2001)
Aquí vos presentamos o cartel e o lema da nosa campaña. Gústavos?

Se queredes coñecer todos materiais desta campaña, están a vosa disposición no seguinte enlace LENDO LENDAS (2009/2010). Tamén podes chegar se buscas nos accesos da dereita do blog, onde pon Campañas de Animación á Lectura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario